Saltar ao contido

Importante vitoria do Culleredo despreocupate.es en Abegondo.

Nesta recta final da Liga Ouro, cunha clasificación tan apertada, cada partido é xa unha final, e o disputado esta fin de semana en Abegondo non defraudou, tanto pola intensidade do xogo durante os sesenta minutos, como pola emoción do resultado ata o último instante, sen esquecer o espectacular ambiente que reinaba no Pavillón San Marcos, cunhas bancadas cheas ata os topes de afeccionados, na súa maioría, claramente hostís cara ao noso equipo.

O encontro comezou seguindo o guión esperado, cun Abegondo buscando constantemente o xogo de confrontación, con accións de contacto, nas que a súa segunda liña tiña unha alta predominancia no xogo, con constantes circulacións dos seus extremos e mesmo permutas tamén constantes do pivote invadindo zonas diferentes. O noso equipo atopaba en ataque solucións con relativa facilidade, e anotaba sen maiores problemas, pero nos primeiros minutos, este xogo de constante contacto, facíanos caer en exclusións, que o equipo local aproveitaba: o Culle mantiña a consistencia defensiva no seu 6:0, pero acusaba eses minutos de inferioridade, e aínda que os nosos foron por diante desde o primeiro minuto, as diferencias non se abrían, e o marcador mantíñase sempre apertado.

Mediada a primeira metade, conseguindo non recibir exclusións, parecía que os nosos podían coller ritmo e decantar o partido, pero os últimos minutos antes do descanso, serían os de menos acerto do Culle, e permitían ao Abegondo Atlántico recuperarse e chegar ao intermedio cun empate a 15 tantos.

Na segunda metade, as cousas non cambiaron demasiado, e se ben é certo que o Culle sempre foi por diante, tamén o é que as diferencias nunca chegaron a abrirse no marcador, polo que os minutos transcorrían con total incerteza sobre quen acabaría levando os puntos en xogo. Deste xeito chegábase ao tramo final do partido, momento no que un fallo ou acerto pode desequilibrar a balanza cando se trata de encontros tan igualados. Pero nesta ocasión, foron os nosos rapaces os que demostraron ter máis experiencia, e xogando con gran frialdade estes instantes decisivos, conseguiron que os erros caeran do lado local, para acabar co premio dunha vitoria que nos deixa un paso máis cerca do noso obxectivo final nesta liga.

Quedan tres finais máis nesta liga regular, a primeira delas, será xa o próximo venres visitando a pista carballesa dos nosos veciños do Xiria.

BM Abegondo Atlántico 29 (15+14): Yago Pardo, Pedro Gil (4), Antón Cadaveira (1), Alexander Mendoza, Unai García (7), Pablo Castiñeira, Tomás de la Fuente, José Morales, Ángel Ramos (4), Diego Roel, Diego Lema (5), Diego Carracedo (1), Leo Rodríguez (7) e Enmanuel García.

Culleredo despreocupate.es 30 (15+15): Víctor Sala, Iago Bescansa, Lucas Sánchez (1), Marcos Regueiro (4), Juan Manuel Pérez, José Miguel Martínez (2), Shaiel Costa (3), Iván Sánchez (2), Teo Calvo (1), Samuel Seijas (1), Daniel González (4), David Martínez (4), Nuno Loxo (7), Pablo Fariña e Senén Garea (1).

Árbitros: Ángel Mateos e Rubén Iglesias.

Incidencias: partido correspondente á 14ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina que foi aprazado no seu día, e disputado finalmente o domingo 26/02/2023 no Pavillón San Marcos de Abegondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *