Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SOBREVIVE A UN FINAL DE DESPROPÓSITOS

O BM.Culleredo logrou unha vitoria esencial na súa visita ao Grove e, deste xeito, conseguíu dous puntos vitais nas súas aspiracións por alzarse co campionato de liga. Os cullerdenses tiveron que traballar e sufrir ante un rival con amplos argumentos no xogo e cun cadro de persoal para ter en conta e non puideron respirar tranquilos ata o último segundo de encontro.
Comezaron moito mellor os locais o envite e cun 9-5 no electrónico, o técnico cullerdense víase na obriga de solicitar o seu primeiro tempo morto. A defensa 6:0 non estaba a funcionar e o xogo de ataque, excesivamente estático, facíase moi previsible. Co paso dos minutos, os de Culleredo decidían cambiar a sistemática defensiva e no último tramo do primeiro tempo, o 5:1 clásico e o 5:1 posicional, daban os seus froitos e outorgaba ao equipo unha mínima vantaxe no marcador xusto cando as colexiadas anunciaban o tempo de descanso (15-16).
Foi na continuación cando o BM.Culleredo sairía máis asentado defensivamente e a partir do éxito da retagarda, comezaría a enlazar rápidas transicións para colocar unha diferenza de gran valor (19-22). Eran os mellores minutos dos de Culleredo e parecía que as diferenzas podían ir en aumento e establecerse nunha distancia moito máis cómoda, pero entón farían a súa aparición unha vez máis os erros de lanzamento en situacións francas de 1x0: dous contraataques, uns sete metros…..erros claros na finalización que abortaban a escalada do BM.Culleredo e regalaban novas oportunidades de aproximación a un conxunto local que sempre se mostrou combativo, esgotando as opcións de vitoria ata o final. Neste vórtice de situacións desperdiciadas chegarían os minutos finais, instantes de tolemia nos cales, os de Culleredo, moveríanse no arame e disputarían uns momentos de máxima tensión coa mínima diferenza e catro minutos en inferioridade. A primeira situación xorde dun erro da mesa ao equivocarse no reconto de xogadores en pista, cando o porteiro de Culleredo permanecía na zona de cambio e, a segundo, dun propio, cando un mal cambio do BM.Culleredo terminaría coa exclusión dun dos seus xogadores. Un culmen de despropósitos nos que o BM.Culleredo aguantou como puido e resolveu nunha acción individual en inferioridade na que Iago Ferreiro conseguiría un valioso 7m que á postre transformaría Mario Crecente para darlle unha vitoria vital ao conxunto vermello.

Calmear Rasoeiro BM.: 27 (15+12). Ángel Noya, Javier Garrido (6), Iago Rodríguez (1), Alex Iglesias, Daniel Gonsalves (3), Sergio Iglesias, Javier Noya, Rubén López, David Rey, Juan Cuenca (2), Vicente Enrique Domínguez (4), Rodrigo Mouco (8), Iván Campos (3), Brais Vázquez, Omar Mosquera.

BM. Culleredo : 28 (16+12). Jorge López (P), Cristian Vigo (P), Oscar Bello (P), Martín ínsua (5), Alberto Catoira (3), Carlos Costa (1), Miguel Casal (2), Iago Franco (1), Marco García, Marcos Vázquez (3), Daniel De Salvador (2), Iago Ferreiro (1), Diego Gago (3), Mario Crecente (2), Darío Pérez (5), Adrián Rodríguez.

Parciais cada 5´: 5-4 / 9-5 / 12-9 / 14-13 / 14-14 / 15-16 / Descanso / 18-19 / 19-22 / 21-23 / 21-24 / 23-26 / 27-28 / Final.

Colexiadas: Marta González e Catarina Adao.

Incidencias: 16º encontro da 1º autonómica en categoría senior masculino. Partido disputado no pavillón Novo Monte Da Vila ante douscentos siareiros que vibraron con este envite cheo de incertidumbre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *