Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es non pode co líder en Almeiras.

Non era unha tarefa doada a que tiña o noso equipo esta fin de semana: visitábanos o Buenas Migas Luceros, equipo que no que vai de tempada non perdeu nin un só partido. Pero o momento de xogo que está atravesando o noso equipo dábanos a forza para afrontar o encontro convencidos de estar a altura de plantar cara a calquera.

O partido arrancou cun Culleredo un tanto descentrado, cometendo erros defensivos, especialmente á hora de frear as rápidas transicións que o equipo cangués adoita utilizar, e mesmo en ataque, onde non acababa de asentarse fronte a unha defensa que poñía profundidade e deixaba aos nosos laterais con pouco espazo. Deste xeito, o Luceros sacaba proveito da situación e collía o mando no marcador.

Tras un tempo morto para reordear filas, os nosos recuperaron a compostura e comezaron a apretar aos cangueses. A defensa volvía ter a contundencia á que nos ten acostumados, e o equipo rival sufría para conseguir anotar . No noso ataque, as cousas non ían tan fluídas, cun xogo bastante atascado, pero eran uns minutos nos que aínda que fora tirando de accións individuais, o Culle conseguía progresar na remontada, e antes de chegar ao descanso o marcador xa reflectía un empate, e as sensacións melloraban por momentos. Nos últimos segundos desta primeira metade, un gol con bastante fortuna dos cangueses poñía o resultado en 13-14, con todo por decidir.

Na segunda metade, o Culleredo seguía firme na defensa posicional, aínda que sufría máis nas transicións do Luceros, como sempre, a súa mellor arma.

Algúns problemas máis tiña no ataque, onde seguía véndose obrigado a abusar de accións individuais ante a falta de ritmo no xogo colectivo, pero a igualdade era a nota predominante, e parecía claro para todos os implicados que o partido caería do lado do que mellor xogara os minutos finais.

Lamentablemente, neses minutos o Luceros demostrou por que é o líder, competindo cun grupo ao completo de xogadores de segundo ano, demostrou ter a experiencia necesaria para este tipo de finais de partido, no que o noso equipo, con moitos xogadores menos experimentados, acabou por ceder e entregar o partido. Nos últimos momentos, o Culle arriscaba todo para intentar remontar, pero só lle servía para que a desvantaxe aumentara, cedendo un marcador que non fai xustiza ao visto no campo.

Tras este partido, quedamos máis coas sensacións que co resultado: foi un encontro no que a pesar de non xogar ao noso mellor nivel, conseguimos levar ao límite ao que xa é case virtual campión de liga, o que pon de manifesto a progresión que este grupo está tendo. Só nos queda continuar o traballo para afrontar na mellor situación o tramo final da liga que temos por diante.

Culleredo despreocupate.es 25 (13+12): Víctor Sala, Iago Bescansa, Lucas Sánchez (2), Marcos Regueiro (1), Juan Manuel Pérez, José Miguel Martínez (1), Shaiel Costa, Iván Sánchez (1), Teo Calvo (1), Samuel Seijas (6), Daniel González (1), David Martínez (1), Nuno Loxo (8), Pablo Fariña e Senén Garea (3).

Buenas Migas Luceros 29 (14+15): Mateo Pallas, Alexandre Gallego (2), Manuel Magdaleno (10), Carlos Menduiña (2), Mauro Sotelo (2), Manuel Soliño (3), Pablo Fernández (4), Eloy Pérez (1), Antonio Rodal, Roberto Castro (5), Nicolás Millán, Rodrigo Caamaño e Eloy Domínguez.

Árbitras: Catarina Adao e Marta González.

Marcador cada 5 minutos: 2-3 / 3-5 / 5-7 / 8-10 / 10-11 / 13-14(D) / 14-16 / 17-18 / 18-20 / 22-22 / 23-25 / 25-29.

Incidencias: partido correspondente á 15ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no Pavillón de Almeiras o sábado 18 de febreiro de 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *