Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SWEEPEND, CONTINUA SEMENTANDO VITORIAS

O BM.Culleredo Sweepend, conseguíu dous novos puntos no día de hoxe e segue contando os seus partidos por vitorias nas 12 xornadas de liga disputadas ata o momento. É certo que non foi o mellor encontro dos de Culleredo, que a pesar de entrar cun alto nivel defensivo, moi difícil de superar por parte dos xogadores do BM.Reconquista de Vigo, non materializaban as recuperacións en gol, acumulando demasiados erros non forzados, precipitacións e lanzamentos ante o porteiro rival. Chegaría un momento no que con tanto erro, o equipo sumiríase nun halo de desesperación e frustración, ao non poder referendar a superioridade mostrada no 40x20 no electrónico do polideportivo de Almeiras. As diferenzas oscilaban ao redor dos catro e cinco goles, que aínda que se trataba dunha cómoda marxe, as sensacións non fluían do todo positivas. Houbo que esperar aos dez últimos minutos deste primeiro acto para que os cullerdense desen un pequeno tirón e cun 6-3 de parcial, se retirasen ao vestiario cunha diferenza de sete goles e mellores sensacións.
Na continuación, o BM.Culleredo Sweepend minimizou os erros e isto bastaría para, mantendo o seu nivel defensivo, abrir xa unha brecha insalvable co seu rival, que no meridiano xa se elevaba aos doce goles (27-15). O alto ritmo ao que adoitan xogar o conxunto cullerdense e as rotacións de tan amplo cadro de persoal, fixeron o resto e o marcador foi aumentando ante a fatiga dos olívicos para acabar conseguindo un novo marcador avultado e, o que é máis importante, un pasiño máis cara ao obxectivo do título a falta tan só de seis xornadas para o final da liga.
A próxima fin de semana, o BM.Culleredo Sweepend descansará e posteriormente enfrontarase en dúas xornadas vitais ante os seus dous rivais directos (BM.Xiria e BM.Cisne máis ao Carballal), que en caso de sumar todos os puntos, pode proclamarse matematicamente campión galego.

BM. Culleredo Sweepend: 40 (16+24).  Hugo Díaz (P), Hugo García (P), Atalo Bello (3), Aarón Blanco (1), Jorge Outón (3), Iago Vázquez (1), Jaime Serrano (1), Adrián Veira (4), Iván Sánchez (5), Antón Pérez, Samuel Seijas (9), Josemi Martínez (7), Nicolás Casal (4), Alejo Martínez (2), Anxo Negreira.

Iberconsa Balonmano Reconquista de Vigo: 20 (9+11). David González, Breixo Álvarez (1), Simón Vázquez, Isaac Mani (5), David García (4), Nicolás Lamas (6), Nicolás Fdez, Fernando Jesús Murillo (1), Jacobo Lamas, Ricardo Andrés Souto De Sousa, Aarón Rodríguez (3).

Parciais cada 5´: 3-2 / 6-3 / 9-4 / 10-6 / 12-7 / 16-9 / Descanso / 22-10 / 26-14 / 27-15 / 32-18 / 37-20 / 40-20 / Final.

Colexiados: Nicolás Vázquez e Rubén Iglesias. Sen complicacións.

Incidencias: 12º encontro da Liga Ouro na categoría cadete masculino. Partido disputado no polideportivo de Almeiras con magnífico ambiente de balonmán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *