Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SAE VIVO NO SEU PEOR ENCONTRO DA TEMPADA

Xogou o BM.Culleredo con lume e a punto estivo de queimarse no partido desta tarde fronte ao ATL.Novás. Nun escenario diferente ao de costume (Polideportivo O Burgo), o BM.Culleredo recibía ao conxunto do Rosal nun encontro a priori desnivelado, ou polo menos, iso é o que parecía indicar a clasificación, cos cullerdenses segundos con 22 puntos e os rosaleiros penúltimos con catro. O envite comezou sen moita esixencia para os locais, que contiñan ao seu rival en defensa e, aínda que non mostraban un xogo excelso, adiantábanse por 4-1 con certa facilidade. Aparecerían entón erros continuados, ben por situacións non forzadas ou por lanzamentos imprecisos ante o porteiro rival e en moi pouco tempo, os visitantes, tan só con aproveitarse deste feito, igualaban a contenda (4-4). A falta de intensidade no equipo de Culleredo era moi evidente, impropia do moito que estaba en xogo, a propósito que unha derrota tiraba ao traste con todas as posibilidades de conseguir o campionato de liga. O ATL.Novás, que entrara na confrontación aparentemente sen excesiva confianza na vitoria, comezaba a crer nas súas posibilidades ante as facilidades dun rival que se diluía unha e outra vez nun ataque pasivo, estático e sen continuidade de balón. Aletargado e contaxiado polo plan dos visitantes de levar o encontro a situacións longas de ataque e imprimir un ritmo lento ao partido, o BM.Culleredo non se atopaba a se mesmo, navegando no antagonismo do seu xogo. As dúbidas comezaban a aflorar e aínda que quedaba toda a segunda parte para emendar a situación, o 11-13 do descanso e as sensacións mostradas, non convidaban o optimismo.
No segundo acto e lonxe de mellorar, a situación empeoraría. Avanzaban os minutos e o ATL.Novás palpaba como real a posibilidade de apropiarse dos dous puntos ao final do tempo regulamentario. A distancia ampliábase a catro e ata cinco goles. Os nervios, a tensión, as dúbidas….ían en aumento e as ideas fraqueaban nunha retagarda desbordada por accións simples de 1x1 e bloqueábanse nun ataque posicional precipitado, individualista e totalmente apartado do modelo de xogo. Neste mar de dúbidas e máis por corazón que por xogo, o BM.Culleredo achegaríase ao seu rival a os poucos, grazas ao éxito defensivo nun par de accións de recuperación e á actuación da súa portería, que nestes momentos sacaría outro par de lanzamentos providenciais. Cando agonizaba o partido, chegando aos últimos 5´, o BM.Culleredo colocaríase por diante (25-24), feito fundamental para que os locais afrontasen estes instantes con vantaxe e finalmente, conseguisen dous sufridos puntos que lles manteñen ao ronsel do líder BM.Porriño.

BM. Culleredo : 26 (11+15). Oscar Bello (P), Cristian Vigo (P), Alberto Catoira (1), ,Martín ínsua (2), Carlos Costa (1), Miguel Casal, Marco García (3), Marcos Vázquez (12), Daniel De Salvador (3), Senén Garea, Nuno Loxo (1), Iago Ferreiro (2), Diego Gago, Mario Crecente (1), Darío Pérez, Adrián Rodríguez, Mario Crecente.

ATL Novás: 25 (13+12). Martín Lomba (1), Rubén López (3), Roberto Calvo, Diego José Iglesias, Pablo Alonso (7), Pablo Carrera, Oscar González (1), Diego Bento (2), Adrián Carrera (1), Alejandro López (5), Gabriel Lomba (3), Borja Rodríguez (2), Damián Álvarez.

Parciais cada 5´: 3-1 / 4-4 / 7-6 / 9-8 / 10-11 / 11-13 / Descanso / 13-14 / 15-18 / 17-21 / 22-24 / 25-24 / 26-25 / Final.

Colexiado: Yago Alonso e David Fdez.

Incidencias: Xornada nº 15 na primeira autonómica en categoría senior masculino. Encontro disputado no municipal do Burgo con excelente ambiente nas bancadas e unhos siareiros que espolearon os seus cara a vitoria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *