Saltar ao contido

O Culleredo Óptica Gallaecia finaliza a primeira fase da liga cunha nova vitoria

O noso equipo xuvenil masculino de Liga Prata disputaba esta fin de semana a derradeira xornada da primeira fase da liga. Unha fase da que xa se proclamou campión a falta de varias xornadas para a súa finalización. E nesta última contenda, non fixo máis que manter a súa imbatibilidade, derrotando a domicilio ao Línea 21 A21C Celulosas.

O partido non tivo moita historia dada a gran superioridade que mostraron os nosos. Desde o momento de poñer o balón en xogo, o Culle non dou opcións ao seu rival: a defensa resultaba case impenetrable, e as poucas veces que o equipo coruñés conseguía opción de lanzamento, os nosos porteiros encargábanse de desbaratar as súas intencións. O noso ataque, case se limitaba a anotar goles en rápidas transicións logo de recuperar balóns en defensa. Deste xeito, chegábase ao descanso co partido xa decidido cun contundente 5-20 a prol dos nosos.

Na segunda metade, con todo resolto, os nosos acusaron unha inevitable relaxación, que permitía ao Línea 21 anotar con máis facilidade. Ademais, o exceso de confianza en ataque, facía tamén que aparecese a precipitación en algúns lanzamentos, o que nos levaba a cometer máis erros dos que deberíamos, e a permitir que o equipo local maquillara un pouco un resultado que podía ter sido escandaloso.

En calquera caso, trámite cumprido para os nosos cunha vitoria folgada, e xa pensando na segunda fase da liga, onde terán que verse cos mellor clasificados dos outros dous grupos, no que será a loita polo título de campión de liga.

Línea 21 A21C Celulosas 17 (5+12): Xavi Oreiro, Víctor Pérez (1), Diego Franqueira, Jorge Sánchez, Isaac García (1), Hugo Santiago (2), Marcos Vázquez, Miguel Rial, Adrián Novío (7), Víctor González e Marcos Abeleira (6).

Culleredo Óptica Gallaecia 35 (20+15): Marco González, Lucas Sánchez (10), Aarón Blanco (1), Bruno Pardo (2), Javier Ansede, Iago Vázquez (2), Adrián Pestonit (1), Diego Sala (2), Nicolás Vázquez (1), Xoel Insua (3), Félix Noya (2), Pablo Fariña (3), Antón Pérez (3), Diego del Río (1) e Juan Francisco Pazos (4).

Árbitro: Marcos Pombal.

Incidencias: partido correspondente á 14ª e derradeira xornada da primeira fase da Liga Prata, disputado no Pavillón de Novo Mesoiro o domingo 12 de febreiro de 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *