Saltar ao contido

UNHA PRIMEIRA PARTE SOBRESAINTE, FACILITA UNHA NOVA VITORIA DO BM.CULLEREDO

Primeira parte de ensoño por parte do BM.Culleredo, que desta forma continua o seu particular pulso co BM.Porriño na parte alta da táboa clasificatoria.
Nesa loita persoal que manteñen os dous conxuntos nos primeiros postos e despois da vitoria no día de onte dos porriñeses, o BM.Culleredo saía ao 40x20 do municipal de Carballal coa obriga de conseguir os dous puntos e facíao da mellor maneira posible; impoñendo un ritmo frenético e unha defensa inexpugnable para o seu rival, deixando claro as súas intencións. Pronto tería que esgotar o adestrador local o seu primeiro e ata o seu segundo tempo morto e é que os cullerdenses xa dominaban o envite por un contundente 5-15 pasado o minuto vinte. Unha pequena reacción dos olívicos reducía a diferenza aos oito goles cando os colexiados anunciaban o tempo de descanso (14-22) e o BM.Culleredo retirábase con excelentes sensacións e un marcador moi favorable.
No segundo acto, o conxunto local variou o seu plan para tentar conseguir a remontada e, aínda que nunca foi capaz de recortar a diferenza a menos de catro goles, si conseguiría trasladar a tensión, a dúbida e o nerviosismo ao cadro visitante. A mixta a Marcos producía uns desaxustes iniciais e provocaban certas precipitacións de todo inadecuadas en base ao tempo e ao resultado. A defensa, mal posicionada e nada anticipativa, sufría agora ante as situacións de 1x1 da primeira liña local e os porteiros pouco ou nada podían facer ante o vendaval de lanzamentos desde os 6m. Co paso do tempo e o reaxuste en ataque ante a mixta e a defensa presionante dos de Carballal, a calma volveu ás filas do BM.Culleredo, que xogando con maior criterio e de forma máis colectiva ante espazos máis amplos, conseguiría sumar en cada ataque e conseguir dous novos e importantes puntos para continuar co obxectivo de alcanzar o liderado.

Granitos ibéricos Carballal: 31 (14+17). Samuel Rodríguez (6), Jonathan Patiño, Pablo López, Iago García (3), Pablo Vilaboa (4), Pedro Pérez (1), Rodrigo Mariño (3), José Antonio Ballesteros, Lois Castro (1), Isaac Cabanelas, Isidro David Mariño, Antonio Ramón Mariño, Roi Gallego (4), Blas Cabaleiro, Iván Fdez (4), José Manuel Chao (5).

BM. Culleredo : 39 (22+17). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Cristian Vigo (p), Martín ínsua (4), Alberto Catoira (4), Carlos Costa (5), Miguel Casal (3), Iago Franco (4), Iago Ferreiro (4), Marco García (5), Marcos Vázquez (3), Juanchi (1), Diego Gago (4), Nuno Loxo, Mario Crecente, Darío Pérez (1).

Parciais cada 5´: 2-1 / 3-5 / 4-9 / 5-13 / 9-18 / 14-22 / Descanso / 18-24 / 19-24 / 23-27 / 28-32 / 31-36 / 31-39 / Final.

Colexiado: Diego Rivera e Martín Rodríguez.

Incidencias: Xornada Nº 14 da 1º autonómica en categoría senior masculino, disputado nun municipal de Carballal con boa entrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *