Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SWEEPEND NON BAIXA O PISTÓN

Xornada Nº 11 da liga oro en categoría masculino e o BM.Culleredo Sweepend continua con velocidade de cruceiro cara aos obxectivos máis ambiciosos, sen ceder un só punto no que vai de competición. A humildade e seriedade coa que os mozos cullerdenses afrontan os encontros, é de valorar e reseñar. Todo iso, unido a unha ambición competitiva moi sa, que ten como base o respecto ao rival e o desexo individual e colectivo por mellorar cada día, completan un coctel que, funcionando como un reloxo suízo, está a conseguir en cada paso un crecemento e madurez impropios da idade no camiño ilusionante por poder lograr o cetro de campión galego unha vez máis.
O encontro do Sábado non foi diferente a outros; O BM.Culleredo Sweepend, fixo a súa aparición no 40 x 20 do polideportivo de Almeiras coa contundencia que require un enfrontamento no que os dous puntos de cada xornada son necesarios. No paso polo minuto cinco, os locais xa dominaban por 4-1 e no dez, facíano por un cómodo 7-2. A diferenza radicaba principalmente na dificultade que atopaban os visitantes de Cangas para superar o armazón defensivo do 6:0 cullerdense e a facilidade destes para transformar en gol as rápidas transicións a partir dos erros provocados. O desencoraxo parecía facer efecto ao conxunto do Morrazo, entregado nestes momentos a mercé dos de Culleredo, que completarían uns primeiros trinta minutos onde o marcador final deixaba practicamente visto para sentenza o envite (16-6).
No segundo acto, O Pizzería Baratto BM. Cangas saía de vestiario cun espírito moito máis combativo, imprimindo un ritmo máis vivo ao encontro que repercutía nun toma e daca máis vistoso para o espectador, independentemente do resultado que reflectía o electrónico. Os parciais eran moito máis igualados e manteríanse así ata o meridiano, xusto cando a maior profundidade de banco do BM.Culleredo Sweepend, daría outra arrancada para sentenciar cun 38-17 que deixa a suma de dous puntos moi necesarios para non perder corda cos seus inmediatos perseguidores.

BM. Culleredo Sweepend: 38 (16+22). Marco González (P), Hugo Díaz (P), Atalo Bello (6), Jorge Outón (2), Aarón Blanco, Jaime Serrano (1), Roi Fdez (1), Hugo Rodríguez (1), Adrián Veira, Iván Sánchez (3), Antón Pérez (1), Samuel Seijas, Josemi Martínez (9), Nicolás Casal (1), Alejo Martínez (9), Anxo Negreira (4).

Pizzería Baratto Luceros BM.Cangas: 17 (6+11). Uxío Vilariño (2), Asier Pereira (3), Hugo Mora (1), Abraham Martínez (3), Christian Ferradás, Rodrigo Colinas (1), Marcos Varela (3), Iker Bon (2), Dimitrije Doder, Mateo Hernández (1), Xabier Cordeiro, Aitor Costas (1), Rubén Costas, Adrián Chapela.

Parciais cada 5´: 4-1 / 7-2 / 11-3 / 15-4 / 15-5 / 16-6 / Descanso / 20-9 / 23-12 / 25-12 / 28-14 / 31-15 / 38-17 / Final.

Colexiado: Pablo Torreiro. Sen complicacións.

Incidencias: Segundo encontro da segunda volta na Liga Ouro (categoría cadete masculino). Partido disputado no Polideportivo de Almeiras con moito público nas bancadas e moi bo ambiente de balonmán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *