Saltar ao contido

Extraordinaria vitoria do Culleredo despreocupate.es fronte ao BM Porriño

Non era facil a tarefa que tiñamos que cumprir esta fin de semana, recibindo na nosa pista de Almeiras a un dos dous equipos que están a loitar por conseguir o título de campión da Liga Ouro, pero os nosos rapaces elixiron o mellor día para deixar claro cal é o nivel que poden acadar.

Desde o primeiro minuto, as sensacións que transmitía o noso equipo eran de que estaba disposto a levar o mando no campo e os puntos en xogo. A defensa funcionou desde a primeira acción, cun 6:0 que facía rebotar literalmente os embates dos porriñeses. As transicións do equipo visitante, habitualmente unha das súas armas máis perigosas, quedaban tamén totalmente baixo o control dos nosos, que conseguían desmantelar os procedementos tácticos dos visitantes. A contundencia da nosa zaga, axudaba tamén á nosa portería, que conseguía sacar balóns e complementar así o traballo defensivo.

En ataque, o equipo seguía á perfección o plan establecido, e conseguía introducir nas súas accións unha continuidade que eliminaba os erros e precipitacións que tivemos que lamentar en outras ocasións. Esta vez, só había un equipo que acusaba a presión de non conseguir o que pretendía, e non era o Culleredo.

Deste xeito, chegábase ao descanso cunha vantaxe de catro tantos a prol dos nosos (18-14), cun Porriño irrecoñecible, desencaixado e sorprendido pola consistencia dos nosos.

Pero a labor non estaba completa, e quedaban 30 minutos nos que había que confirmar o bo facer da primeira metade, cun equipo enfronte disposto a remontar a calquera precio.

Pero esta vez os nosos rapaces non se deixaron intimidar pola magnitude do evento nin do rival, e cunha determinación inquebrantable continuaron aplicando o rodete sobre un desesperado Porriño, que vía como era incapaz de plantar cara a un desenfreado Culleredo.

Os nosos seguían firmes en defensa, cunha consistencia baseada nas axudas e no traballo colectivo que resultaba intimidante, e cunha actuación da portería ao mesmo nivel. En ataque, manexando os tempos, administrando os goles, e conseguindo lanzamentos claros logo de madurar á ineficaz defensa visitante, para chegar ao final dos 60 minutos cun contundente 32-25.

En definitiva, o mellor partido desta tempada para o noso equipo, no que pasou por riba dun dos rivais máis complicados que pode ter este ano. Vitoria que ademáis dos dous puntos, deixa en Almeiras unha gran dose de confianza para os nosos.

Culleredo despreocupate.es 32 (18+14): Víctor Sala, Lucas Sánchez (2), Marcos Regueiro (1), Juan Manuel Pérez, José Miguel Martínez (3), Shaiel Costa (3), Iván Sánchez (3), Teo Calvo (2), Samuel Seijas (2), Daniel González (1), David Martínez (4), Nuno Loxo (10), Pablo Fariña e Senén Garea (1).

BM Porriño 25 (14+11): Maartín Vieito, Pablo Álvarez, Adrián Carrera (5), Hugo Rodríguez, Eduardo Alonso (9), David Rodríguez, Álex Ocampo, Andrés Pérez, Iago Rivas (6), Nicolás Giráldez, Yago Raimúndez (1) e Juan Rodríguez (4).

Marcador cada 5 minutos: 2-2 / 5-5 / 9-8 / 12-11 / 16-13 / 18-14(D) / 19-16 / 22-17 / 24-20 / 27-21 / 29-23 / 32-25.

Árbitros: Rubén Iglesias e André Pena.

Incidencias: partido correspondente á 13ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no Pavillón de Almeiras o venres 3 de febreiro de 2023.

Vídeo do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *