Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es reencóntrase coas boas sensacións e coa vitoria

Partido correspondente á 12ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina, na que ao noso equipo correspondíalle desprazarse ata O Rosal para enfrontarse ao Atlético Novás. E así, o sábado comezaba cedo para os nosos, que tras as case dúas horas e media de viaxe, saltaban á pista rosaleira, con poucos graos no ambiente, pero coa determinación necesaria para cumprir co seu cometido.

O partido arrancaba cos habituais primeiros momentos de asentamento na pista por parte dos dous equipos, pero xa desde moi pronto, o Culle deixaba claro que a súa defensa, ía supoñer un obstáculo de enormes proporcións no camiño do Atlético Novás. Partindo co habitual sistema 6:0, conseguía manter a raia os ataque locais, que non parecía ter nin capacidade física nin recursos tácticos para superar a nosa formación. Ademais, axudada por esta defensa, a nosa portería tamén respondía.

En ataque, o equipo mantiña a disciplina táctica, algo que non sempre se consegue, e acadábanse con relativa facilidade situacións claras de lanzamento. Tal vez esta faceta, a do lanzamento, foi a única na que as cousas non estaban saíndo todo o ben que podíamos esperar, e por iso a diferencia no marcador non se ampliaba demasiado. Malia todo, os nosos chegaban a ter ata cinco goles de vantaxe no marcador na primeira metade, chegando ao descanso cun 9-13 que parecía escaso pero tamén bastante prometedor.

Na segunda metade, as constantes rotacións do noso equipo, conseguían que a intensidade do noso xogo non baixara en ningún momento, mentres que o equipo local, máis limitado nos seus cambios, sufría para manter o ritmo. Así, sen necesidade de ningún cambio de plans, simplemente pasando os minutos sen deixar de apertar, a diferencia a prol do Culle ía medrando, ata chegar aos oito tantos conseguidos nun final de partido ao que chegamos sen ningún tipo de risco.

Vitoria balsámica para o noso grupo xuvenil, que nos deixa metidos de cheo na loita polo Play-Off final, e pensando xa na visita do Porriño a Almeiras a próxima fin de semana.

Atlético Novás 21 (9+12): Pablo Carrera (1), Antón Piñeiro (2), Jacobo Rodríguez, Alonso Martínez, Martín Domínguez (2), Daniel Alonso (1), Lucas Sobrino, Martín Giráldez (4), Breixo Domínguez, Hugo Brandón, Mario Bento (3), Álex Cobos, Brais Martínez (8) e Marcos Álvarez.

Culleredo despreocupate.es 29 (13+16): Víctor Sala, Iago Bescansa (1), Lucas Sánchez (2), Marcos Regueiro (1), Juan Manuel Pérez, José Miguel Martínez (1), Shaiel Costa (2), Iván Sánchez (4), Teo Calvo, Samuel Seijas (2), David Martínez (6), Nuno Loxo (9), Pablo Fariña e Senén Garea (1).

Marcador cada 5 minutos: 2-2 / 4-3 / 7-9 / 7-11 / 8-13 / 9-13(D) / 12-17 / 13-18 / 15-19 / 17-22 / 19-26 / 21-29.

Árbitros: Alberto Rodríguez e Iria Rivera.

Incidencias: partido correspondente á 12ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado o sábado 28/01/2023 no Pavillón Municipal de O Rosal.

Vídeo do partido:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *