Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es non consegue puntuar na súa visita a Coruña

Segundo partido deste ano, logo da interrupción de Nadal, e o noso equipo debía render visita ao equipo veciño do OAR Coruña 1952. Sabíamos da dificultade do encontro, onde nos tocaría enfrontarnos a un equipo con poucas armas pero que as aproveita ben.

No inicio do partido, o Culle demostrou unha vez máis a súa fortaleza defensiva, e o equipo local non só non conseguía anotar, senón que apenas conseguía nin lanzar a portería. Ademais, os nosos, materializaban con rapidez as posesións que conseguían grazas á boa defensa, e así chegamos á metade do primeiro tempo cun esperanzador 4-8 a prol dos nosos.

Pero a partir dese momento, comezaron os problemas no noso ataque. Aínda que se conseguían opcións de lanzamento con claridade, os goles non chegaban, tanto por paradas do porteiro rival como por fallos propios, e aínda que a defensa mantiña un nivel aceptable, pouco a pouco o OAR si conseguía anotar, dándolle a volta ao marcador neste tramo final de primeira parte, para chegar ao descanso con vantaxe de 13-11.

Na segunda metade, o equipo coruñés, que apenas utiliza cambios, espremía ao límite as súas bazas, retardando o xogo tanto como lle era posible. As dificultades que encontraban para chegar a portería facían que practicamente todos os seus ataques finalizaran co brazo dos árbitros sinalando ameaza de xogo pasivo. Pero aí é onde o noso equipo non conseguiu estar á altura, e así, a pesar de que en cada defensa levábamos ao límite ao noso rival, foron moitas as veces que conseguiron anotar gol lanzando case de forma desesperada antes de ser sancionados con xogo pasivo. Isto facíanos dano non só no marcador, senón mesmo de xeito psicolóxico, xa que a nosa superioridade no campo non quedaba constatada polos números.

En ataque, seguíamos a ter problemas, e fronte a unha defensa coruñesa que renunciaba á profundidade para anular á nosa segunda liña, dependiamos do lanzamento exterior, case a única maneira na que conseguimos anotar nesta segunda metade.

Xa nos últimos minutos, cos nosos arriscando ao máximo para conseguir puntuar, tampouco tivemos sorte, e a diferencia aínda aumentou para chegar aos tres tantos de desvantaxe final.

En definitiva, un partido no que as cousas que fixemos ben non foron tan determinantes como as que fixemos mal, e nos deixa co castigo da derrota. Toca seguir aprendendo para poder superar tamén a rivais como este, que aposta por xogar o menos posible, pero que non sempre lle sae mal.

OAR Ciudad 1952 28 (13+15): Leo Cousillas, Iván Alfonso, Joel Rábade (6), Martín Rodríguez, Adrián Pérez (5), Elías Rodríguez, Jano Valentino, Richard Tejada (1), Sergio Prada, Alejandro Vasallo (3), Cristovo Castro (1), Efrén Oviaño (11) e Besay Dalmau (1).

Culleredo despreocupate.es 25 (11+14): Víctor Sala, Iago Bescansa (1), Lucas Sánchez, Marcos Regueiro, Juan Manuel Pérez, José Miguel Martínez (2), Shaiel Costa, Iván Sánchez (1), Teo Calvo (1), Samuel Seijas (2), Daniel González (1), David Martínez (4), Nuno Loxo (11), Pablo Fariña e Senén Garea (2).

Parciais cada 5 minutos: 3-3 / 4-6 / 5-8 / 9-8 / 12-10 / 13-11(D) / 16/14 / 18-16 / 20-19 / 22-20 / 24-22 / 28-25.

Árbitros: Pablo Torreiro e André Pena.

Incidencias: partido correspondente á 11ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no Pavillón San Francisco Javier de A Coruña o venres 20/01/2023.

Vídeo do partido:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *