Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es non logra puntuar na volta á competición

Retorno á competición para o noso xuvenil masculino de Liga Ouro que recibía na pista de Almeiras ao Cisne Colegio Los Sauces. O partido presentábase complicado ante un dos fortes da competición, pero as sensacións tanto no tramo final do ano pasado, coma no inicio dos adestramentos deste ano, facíanos chegar á cita con optimismo e determinación para conseguir quedar cos dous puntos en xogo.

Pero non foi o noso mellor día, e as expectativas non se confirmaron. O noso equipo foi desde o principio a remolque dos pontevedreses. A defensa, habitual punto forte dos nosos, non conseguía a consistencia á que nos ten acostumados: as rápidas transicións do equipo visitante facíanos moito dano nos primeiros minutos, e mesmo en ataque posicional, a defensa non conseguía frear o lanzamento exterior do Cisne, moi atinado nesa faceta durante todo o partido. O ataque, tampouco contribuía en gran medida a solucionar os problemas, xa que os nosos tiñan tamén bastantes dificultades para anotar. Deste xeito, chegábase a un pouco esperanzador 11-18 no descanso.

Na volta á pista na segunda metade, o Culle intentouno de todas as maneiras (intención e actitude non faltou en ningún momento), pero con pouco éxito. As sensacións eran mellores que na primeira metade, e conseguíamos xogar ao nivel do Cisne, pero iso non era suficiente para reducir a desvantaxe.

Mediada a segunda metade, e sen conseguir baixar a diferencia dos seis tantos, apostamos por unha defensa 4:2 moito máis agresiva, buscando propiciar os erros do rival coa nosa presión, e aínda que parecía que podía funcionar, as constantes exclusións coas que fomos sancionados nesa parte do encontro, impedían manter a progresión.

En definitiva, mal partido que hai que intentar superar o antes posible para recuperar a boa tendencia que este equipo estaba conseguindo.

Culleredo despreocupate.es 29 (11+18): Iago Bescansa (1), Lucas Sánchez (4), Juan Francisco Pazos, Marcos Regueiro (6), Víctor Sala, José Miguel Martínez, Shaiel Costa, Iván Sánchez, Teo Calvo, Samuel Seijas (2), Daniel González (2), David Martínez (4), Nuno Loxo (8) e Senén Garea (2).

Cisne Colegio Los Sauces 36 (18+18): Antón Rodríguez, Salvador Montes (6), Miguel Sierra (2), Carlos Morales (8), Hugo Pérez, Pedro Fernández (6), Martín Santos (8), Denis Iglesias (2), Juan González (3) e Roi Castro (1).

Marcador cada 5 minutos: 3-3 / 3-6 / 5-9 / 6-10 /9-12 / 11-18 (D) / 14-24 / 16-24 / 19-27 / 24-31 / 26-33 / 29-36.

Árbitros: André Pena e Rubén Iglesias.

Incidencias: partido correspondente á 1ª xornada da Liga Ouro Xuvenil Masculina disputado o 15/01/2023 na pista de Almeiras.

Vídeo do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *