Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es mantén a liña ascendente

Último partido do ano, coincidente co final da primeira volta da Liga Ouro, e tocábanos recibir ao UPI Informática Lalín. O partido tiña que atrasarse uns días sobre a data inicial debido a que David Failde, porteiro do equipo lalinense, estaba convocado coa selección española para disputar o Torneo 4 Nacións.

A priori, o partido xa tiña alicientes dabondo para ser interesante, cos dous equipos empatados a puntos, e necesitados desta última vitoria para acabar a primeira volta na mellor situación posible. E cando o balón empezou a circular, o espectáculo non defraudou. O Lalín saíu decidido a facerse co mando no xogo, e puxo unha intensidade moi alta desde o primeiro momento. Pero enfronte atoparon a un Culle que, unha vez máis, armaba unha defensa ante a que os fortes embates do equipo rival tiñan pouco efecto. De inicio, cun 6:0 intensísimo, ante un Lalín que se empeñaba en buscar penetracións e conexións co seu pivote, pero con pouco éxito. Esta situación servíalle aos nosos para levar o mando no marcador desde o principio, aínda que con diferencias mínimas.

Mediada a primeira metade, e cando o Lalín buscaba adaptarse ao noso estilo defensivo, o Culle cambiaba o sistema pasando a un 5:1 que deixaba aos do Deza descolocados, con moitos problemas para circular o balón. Aínda así, os lalinenses seguían poñendo moita intensidade no seu xogo, o que levaba o partido a un nivel de alto desgaste físico. Cun Culleredo que en ataque se limitaba a non cometer erros e asegurar as posesións, chegaba o descanso cun marcador que xa ía collendo cor local: 17-12.

Na segunda metade, as cousas non cambiaron moito, pero un dos puntos clave foi a rotación de xogadores no equipo cullerdense, que lle permitía manter a mesma intensidade durante todo o partido, mentres que os visitantes, usando moitos menos cambios, vían como a falta de forzas ía sendo cada vez máis determinante. Así, chegamos a vantaxes de ata 8 goles a prol dos nosos (28-20), que se permitían xogar a última fase do partido sen presión, controlando o resultado, para asegurar unha vitoria que de ningunha maneira podía escaparse de Almeiras.

Vitoria clara que nos deixa con todas as opcións de cara á segunda volta. Agora toca descanso ata o vindeiro 15 de xaneiro, salvo para os nosos seleccionados, Senén Garea e Nuno Loxo, que defenderán as cores de Galicia no próximo CESA, da man do noso adestrador Fernando Vázquez, na primeira semana de xaneiro. Moita sorte para eles!

Culleredo despreocupate.es 31 (17+14): Iago Bescansa, Lucas Sánchez (4), Juan Francisco Pazos, Marcos Regueiro (3), Víctor Sala, Javier Ansede, José Miguel Martínez (1), Shaiel Costa, Iván Sánchez (1), Teo Calvo (1), Samuel Seijas (2), Daniel González (1), David Martínez (6), Nuno Loxo (6) e Senén Garea (6).

UPI Informática Lalín 24 (12+12): David Failde, Jaime Conde (3), Juan Ramón Villar (6), Sergio Moure, Sergio Munin (1), Jorge Conde, Miguel López (5), Abel Vázquez (2), Pablo López (2), Pablo Pérez (1), Xosé Cuiña (4), Nahuel Tanquenca e Miguel Aller.

Parciais cada 5 minutos: 4-3 / 6-6 / 8-7 / 11-8 / 14-11 / 17-12(D) / 18-13 / 20-14 / 24-18 / 26-19 / 28-20 / 31-24.

Árbitros: André Pena e Uxía Mariño.

Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no Pavillón de Almeiras ante numeroso público asistente.

Vídeo do partido:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *