
O BM.Culleredo Sweepend, afrontaba o pasado sábado unha difícil cita a domicilio ante o Socaire Arquitectos Bueu ATL. BM. En xogo, o terminar o ano invictos e o que era máis importante, seguir no máis alto da táboa de clasificación en solitario.
Comezou ben o BM.Culleredo Sweepend, utilizando os seus acenos de identidade (defensa e contraataque) para establecer un 1-5 de parcial que auguraba unha mañá tranquila, pero os locais reaccionarían despois do primeiro tempo solicitado polo seu técnico e lograrían colocarse por diante no meridiano 10-9. Os cullerdenses caeran no ritmo pausado do seu rival e, cunha defensa pasiva e inoperante, sufrían os ataques longos e nas accións de 1x1. De calquera forma, pacientes e confiados no colectivo, o BM.Culleredo Sweepend pronto voltaría de novo o marcador para dominar no descanso por un cómodo 15-20, esperando mellorar no xogo cara á segunda parte.
Sen conseguir esta mellora ansiada, os de Culleredo si foron capaces de ir aumentando diferenzas, xa que en canto conseguían recuperar balón na retagarda, os contraataques na segunda onda e o xogo co pivote no posicional, non daban opcións aos de Bueu. Desta forma, a diferenza iríase aumentando ata os doce goles (20-32), conseguindo os locais maquillar un tanto o resultado nos últimos minutos con ese 30-39 que outorga ao BM.Culleredo Sweepend o privilexio de liderar a liga Ouro da categoría.
Socaire Arquitectos Bueu ATL.BM: 30 (15+15). Pablo Arce, David Rodríguez (1), Jaime Moldes (6), Miguel Piñeiro, Mateo Blanco, Martín Cadilla (12), David Entenza, Gael García, Diego Fdez, Alberto Fdez, José Manuel Cordeiro (2), David Álvarez (1), Juan Cruz (1), Antón Fdez (2), Marcos Martínez (3), Pedro Costas (2).
BM. Culleredo Sweepend: 40 (21+19). Marco González (P), Hugo Díaz (P), Aarón Blanco (1), Jorge Outón, Atalo Bello (4), Hugo Díaz, Iago Vázquez (2), Jaime Serrano (1), Adrián Veira (6), Iván Sánchez (4), Antón Pérez (1), Álvaro Siso, Samuel Seijas (7), Josemi Martínez (10), Alejo Martínez (3), Anxo Negreira.
Parciais cada 5´: 2-5 / 6-7 / 10-10 / 12-14 / 14-17 / 15-20 / Descanso / 16-25 / 18-29 / 20-32 / 23-34 / 25-36 / 30-39 / Final.
Colexiado: Julio Villanueva.
Incidencias: Xornada nº 7 e derradeiro encontro da Liga Ouro antes do parón do Nadal na categoría cadete masculino. Encontro disputado no pavillón Pablo Herbello de Bueu con un centenar de siareiros nas bancadas.
