Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO VESE SUPERADO POLO CARÁCTER COMPETITIVO DO BM.PONTEDEUME

O BM.Culleredo caeu este pasado sábado na pista do BM.Pontedeume e, desta forma, perde fol na parte máis alta da clasificación. Hai tan só un mes, os cullerdenses apostábanse no máis alto da táboa clasificatoria como líderes invictos, despois, virían dúas semanas de parón, un partido de liga e outra semana máis sen actividade debido planificación das diferentes seleccións autonómicas. A cara do equipo cullerdense antes e despois deste parón, foi totalmente distinta, especialmente en canto á forma de competir. Se falabamos de que o conxunto rojillo sumaba todos os seus partidos por vitorias, agora temos que apuntar que os dous últimos encontros do ano terminaron con senllas derrotas, sendo a desta pasada fin de semana en Pontedeume, a que deixa sen marxe de erro ao BM.Culleredo á volta do parón do Nadal.
No 40 x 20 do pavillón da Casqueira, o Dispesán Café BM.Pontedeume mostrouse moi superior desde o inicio ao conxunto de Culleredo e estableceu diferenzas basicamente demostrando unha maior intensidade, actitude e carácter competitivo. A tarde non comezaba nada ben para o BM.Culleredo, que en tarefas defensivas mostrábase indolente, inoperante e sufría con suma facilidade ante as situacións de 1x1, as conexións co pivote e os lanzamentos exteriores do seu rival, onde a portería tampouco estaría acertada ao longo de todo o envite. Estas baixas prestacións entre retagarda e portería, sería o foco onde se comezaría a fraguar a vitoria dos locais, que xa no primeiro tempo dominaban o marcador por un claro 16-10. A pesar dos cambios defensivos de 6:0 a 5:1 e deste a 5:1 mixta, pouco foi capaz de corrixir o conxunto de Culleredo, xa que a intensidade mostrada, apenas axudaba a unha leve melloría. A anticipación, colaboración e axudas defensivas eran inexistentes e cando o equipo conseguía recuperar algún balón que lle puidese ofrecer posibilidades de remontada, os erros ante o porteiro rival en situacións de 1 x 0 eran continuas. Deste xeito, o BM.Culleredo tan só conseguiría un parcial gañador no segundo acto (14-17), insuficiente para levarse os dous puntos en xogo. O BM.Culleredo, perde polo tanto unha moi boa oportunidade e con esta, corda na parte alta da clasificación, situado agora en terceira posición, a catro puntos do primeiro (con 1 partido menos), dous do segundo e cun BM.Poio que xa se coloca a un só punto dos cullerdenses. A clasificación de aperta e o BM.Culleredo deberá de utilizar o parón do Nadal para restablecer e comezar o ano coa forza e o espírito competitivo que lucía hai apenas un mes.

Dispesán Café BM.Pontedeume: 30 (16+14). Bruno López, Pablo López (3), Alejandro Sánchez, Alejandro Piñeiro (2), José López (1), Pablo Moraes (6), Ángel Piñeiro, Alberto López (15), Cesar Filgueiras, Gonzalo Palleiro, Nicolás Pérez (2), Manuel López, Xoán Varela (1).

BM. Culleredo : 27 (10+17). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Alberto Catoira (2), Martín ínsua (1), Carlos Costa (4), Miguel Casal (3), Iago Franco (1), Marco García (1), Marcos Vázquez (3), Iago Ferreiro (3), Álvaro Fdez (1), Nuno Loxo (2), Mario Crecente (1), Darío Pérez (1), Adrián Rodríguez (4).

Parciais cada 5´: 4-1 / 6-3 / 10-7 / 12-8 / 15-9 / 16-10 / Descanso / 19-13 / 20-17 / 24-20 / 27-22 / 29-25 / 30-27 / Final.

Colexiado: Andrés Rosendo e Rubén Iglesias.

Incidencias: Xornada nº 9 na primeira autonómica en categoría senior masculino, disputado no pavillón da Casqueira con boa entrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *