Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SOFRE A SÚA PRIMEIRA DERROTA NUNHA PRIMEIRA PARTE IRRECOÑECIBLE

Este pasado Domingo, disputábase no municipal do Porriño uno dos mellores encontros da 1ª Autonómica masculina. Dous aspirantes ao título, o BM.Porriño e o BM.Culleredo, enfrontábanse unha tempada máis no que xa vén sendo un clásico habitual polas cotas máis altas da categoría.

Mentres que os porriñeses chegaban ao envite sen marxe de erro ao ceder dous puntos na súa visita a Carballal, os cullerdenses afrontaban a confrontación cun historial inmaculado, no que sumaban tantas vitorias como partidos. Coa tranquilidade de estar no máis alto da clasificación e sen as apreturas do seu rival pola "obrigación" de conseguir a vitoria, o BM.Culleredo asumía o encontro coa máxima ambición.

No primeiro acto, o BM.Culleredo resultou irrecoñecible no seu xogo, a falta de competición nas últimas dúas semanas, pasou factura a un equipo que saltou ao 40x20 do municipal porriñés sen os acenos de identidade que lles levaron  a ese liderado e os locais aproveitaron o desconcerto para adiantarse no electrónico desde o primeiro momento con maior facilidade da prevista. A retagarda do BM.Culleredo, bastión crucial desde sempre, non funcionaba no día de onte e as sensacións estendíanse ao resto de fases do xogo: non existía dinamismo e velocidade, xogábase ao ritmo que máis interesaba aos locais e no posicional, os xogadores, excesivamente estáticos, facilitaban moito a labora defensiva do adversario, Ademáis, o ritmo de balón destacaba pola súa ausencia e as tomas de decisións erróneas, as precipitacións e o abuso do xogo individual, conformaban un panorama nada alentador para os de Culleredo, que presentaban un moi deficiente balance defensivo.

Os locais, sen realizar tampouco o seu mellor encontro, limitábanse a aproveitar as múltiples facilidades que lles presentaban os de Culleredo para distanciarse de cinco e ata seis goles. No descanso, a emenda para o BM.Culleredo parecía case imposible, polo resultado (15-10) e, especialmente, polas sensacións.

No entanto, as variantes que comezou a utilizar o equipo nos instantes finais do primeiro tempo (defensa 5:1 e ataque en 2:4), comezaron a dar os seus froitos na continuación. O BM.Culleredo comezou a recuperar balóns, a provocar erros no posicional do BM Porriño e as distancias fóronse reducindo. As tornas cambiaran claramente e agora as dúbidas emerxían nos xogadores locais e o convencemento nos foráneos. A remontada culminábase no minuto 20, con aínda 10 minutos por disputar. O 23-23, abría as portas a un novo encontro e prometía emocións fortes de cara ao final, grazas a ese parcial de 8-13 logrado polo BM.Culleredo. Despois de realizar o esforzo máis titánico e cando mellor o tiñan, o BM.Culleredo non foi capaz de certificar a vitoria e con ata 6 erros sós ante o porteiro rival (2 contraataques, dous penaltis e dous lanzamento en 6m), viron como se lles escapaban dous puntos que despois de tanto remar, puxéranselles tan próximos.

A vindeira semana, a liga de 1ª Autonómica terá xornada de descanso debido aos compromisos das seleccións galegas xuvenís e en dúas semanas, o BM.Culleredo disputará o último encontro antes do parón do Nadal, será o derbi fronte ao Pontedeume e de novo fóra da súa casa. O obxectivo será volver á senda da vitoria e continuar nos postos altos da táboa clasificatoria como ata agora.

Indupor BM.Porriño: 28 (15+13). Fernando Mosquera (4), Fabián Taboada, Iñigo Silva, David Moreiras (1), Gabriel Isidro (1), Eduardo Alonso (6), Martín Brandariz (4), Jesús Maquieira (6), Aitor Rodrígues, Iván Fernándes, Xosé Canedo (3), José Álvarez, Martín Rodríguez (3), Miguel Guedes, Juan Rodríguez.

 BM. Culleredo : 24 (10+14). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Cristian Vigo (P), Alberto Catoira (2), Martín ínsua (3), Miguel Casal (5), Iago Franco, Marco García (3), Marcos Vázquez, Daniel De Salvador (1), Iago Ferreiro (6), Álvaro Fdez (6), Mario Crecente, Darío Pérez, Adrián Rodríguez (2), Juanchi.

Parciais cada 5´: 3-2 / 6-3 / 8-4 / 10-7 / 14-8 / 15-10 / Descanso / 19-16 / 21-19 / 23-21 / 23-23 / 26-24 / 28-24 / Final.

Colexiados: Abel Juncal e Catarina Adao.

Incidencias: Encontro correspondente a xornada nº8 na categoría senior masculino, disputado no municipal de Porriño con moi boa entrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *