Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es vence con claridade na súa visita a Vigo

Era unha xornada na que o noso xuvenil masculino de Liga Ouro non podía fallar. Tocaba enfrontarse ao Iberconsa Reconquista, equipo que sigue ancorado na parte baixa da táboa, e por iso, eran dous puntos que non se podían deixar escapar.

Desde o mesmo inicio do partido, quedou patente que a defensa do Culle íaselle atragoar ao equipo vigués. Practicamente todos os ataques do Reconquista finalizaban cos árbitros indicando que estaban en risco de xogo pasivo. A contundencia da nosa defensa, desmantelaba completamente os intentos do rival por atopar a nosa portería, e así, as recuperacións de balóns e as contras rápidas eran constantes.

No ataque, o noso equipo atopaba solucións, e conseguíanse accións combinativas que superaban con claridade a defensa viguesa. Con todo, seguía notándose que na faceta ofensiva o Culle aínda non ten a maquinaria tan ben engraxada como na defensiva, e de cando en cando seguían aparecendo erros que evitaban que a diferencia a prol dos nosos fose maior. Aínda así, o marcador quedaba no descanso nun 10-16 que deixaba claro quen estaba ao mando.

Na segunda metade, máis do mesmo, cun Culleredo con máis rotacións que o equipo local, que non daba mostras en ningún momento de ser quen de poñer en apuros aos nosos, e un marcador que aínda que non chegou a dispararse nas diferencias, si que era suficiente para xogar con absoluta tranquilidade ata o final, dada a sensación de superioridade que se apreciaba no xogo en todo momento.

Vitoria moi importante para os nosos, que nos achega á parte alta da táboa e nos permite seguir con todas as opcións de loitar por todo nesta tempada.

Iberconsa Reconquista 21 (10 + 11): Nicolás Díez, Isaac Mani (2), Álex Alonso (6), Diego Armesto (2), Fernando Murillo (1), Héctor Rodríguez, Sergio Reinaldo (3), Marcos López, Samuel Gómez, Hugo Alonso (3), Lucas García (2) e Carlos Cubas (2).

Culleredo despreocupate.es 26 (16 + 10): Juan Manuel Pérez, Iago Bescansa (2), Lucas Sánchez (2), Marcos Regueiro (1), Víctor Sala, Diego Sala (1), José Miguel Martínez (1), Shaiel Costa (1), Iván Sánchez, Teo Calvo (2), Daniel González (1), David Martínez (4), Nuno Loxo (2) e Senén Garea (9).

Marcador cada 5 minutos: 1-2 / 4-6 / 5-8 / 7-10 / 9-12 / 10-16(D) / 11-17 / 14-21 / 16-23 / 16-24 / 19-26 / 21-26.

Árbitros: Víctor Rivera e Andrea Martínez.

Incidencias: partido correspondente á 8ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no Pavillón das Travesas de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *