Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es suma un punto no seu enfrontamento co ALS Xiria.

Nunha liga tan esixente como a máxima categoría xuvenil, cada partido é unha final, e a igualdade está sendo tan alta que todos os resultados son incertos, o que está provocando que a clasificación estea totalmente comprimida, con moitos equipos distanciados só un par de puntos. Neste contexto, cada fin de semana hai que loitar ata o final cada punto en xogo, e iso foi exactamente o que aconteceu no noso encontro fronte ao equipo carballés.

O partido arrancou cun Culleredo sólido en defensa, controlando a situación, pero como xa ocorrera en outras ocasións, malgastando o rédito que se conseguía na zaga con erros non provocados en ataque, con perdas de balón inocentes que lastraban o noso marcador. Así, aínda que a sensación no campo era de que o noso equipo estaba sendo superior, o ALS Xiria mantiña unha vantaxe de 1 ou 2 tantos, circunstancia que se mantivo ata o descanso: 12-13 a prol dos carballeses.

Na continuación, o Culle saíu mentalizado de corrixir os seus erros, e mellorando só un pouquiño na faceta ofensiva, dáballe rapidamente a volta ao marcador para poñerse dous tantos por riba. A defensa seguía mostrándose sólida, poñendo en moitos apretos ao ataque do Xiria, que empezaba a desesperarse ao non atopar solucións. Pero as precipitacións, volvían poñer aos nosos en dificultades, e cara ao final da segunda metade, o empate chegaba ao marcador.

Desde ese momento, os dous equipos encontraban problemas na faceta ofensiva. Os nosos, mostrábanse máis resolutivos, pero fallando moitos lanzamentos claros. Deste xeito, chegábase a un emocionante final onde calquera dos dous equipos podía levar a vitoria, ou como acabou pasando, ningún deles.

Sensación de deixar escapar un punto que estaba ao noso alcance, e unha vez máis, partido no que as nosas virtudes quedan un pouco eclipsadas polos nosos propios erros. Toca seguir traballando para conseguir completar os partidos coa nosa mellor versión.

Culleredo despreocupate.es 25 (12+13): Juan Manuel Pérez, Lucas Sánchez (1), Marcos Regueiro (3), Víctor Sala, Javier Ansede, Shaiel Costa, Iván Sánchez (3), Teo Calvo, Samuel Seijas (1), Daniel González, David Martínez (4), Nuno Loxo (3), Pablo Fariña, Iago Bescansa (5) e Senén Garea (5).

ALS Xiria 25 (13+12): Samuel Veiga, David Pensado, Henrique Traba (5), Daniel Bello, Pablo Veiga (7), Marcos Amarelle (1), Ángel Viña (6), Nicolás García, Samuel Regueira (2), Xurxo Fraga (3), Alejandro Vázquez, Manuel Rey e Alberto Rodríguez (1).

Marcador cada 5 minutos: 0-1 / 3-4 / 5-6 / 8-8 / 10-11 /12-13 (D) / 15-14 / 19-17 / 20-20 / 22-21 / 23-23 / 25-25.

Árbitros: Christian García e André Pena.

Incidencias: partido correspondente á 7ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no pavillón de Almeiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *