Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es queda cos puntos nun emocionante partido en Almeiras

Esperábase un partido complicado o desta xornada fronte ao Abegondo Atlántico, tanto pola presión que supoñía un derbi local deste tipo, coas bancadas de Almeiras cheas a rebosar de seareiros de ambos equipos, como polo momento deportivo no que se atopaba o noso rival, crecido despois dun bo inicio de competición, e sobre todo, polas baixas con que chegabamos ao encontro, onde preocupaba especialmente a de Pablo Fariña, baixa por enfermidade, que está sendo un dos pilares da nosa defensa.

No principio do encontro, o Culleredo parecía coller o mando no campo, pero unha sucesión de exclusións case consecutivas, lastraban ao noso equipo, e permitían ao Abegondo Atlántico coller a dianteira no marcador. En ningún momento se distanciaban, pero tampouco cedían a súa vantaxe. O xogo era bastante enredado, co equipo visitante buscando constantemente a confrontación 1x1 ante a falta de lanzamento exterior. Con todo por decidir, chegábase ao descanso cun axustado 14-15 a prol do conxunto de Abegondo e Oleiros.

Na reanudación, o equipo visitante parecía ter cada vez menos ideas, e o seu xogo percutindo contra a defensa cullerdense era cada vez menos efectivo. Malia todo, aos nosos costáballes materializar en ataque o que conseguían en defensa, e así, ían pasando os minutos nos que os nosos seguían entre 1 e 3 goles sempre por debaixo no electrónico.

Pero unha das claves do encontro foi a capacidade do noso equipo, esta vez si, de manter a disciplina táctica e o plan do partido, mesmo nos peores momentos, e só por iso, o equipo visitante acabou desgastándose máis que o noso, que no minuto 40 conseguía empatar o partido e coller o mando, tanto no xogo como no marcador.

O encontro quedaba sentenciado cando anotamos un 7m a falta de 20 segundos que nos poñía dous tantos por riba, aínda que cedimos outro 7m en contra co tempo finalizado, que lles valería só para reducir a diferencia.

Emocionante encontro, no que os nosos foron quen de estar a altura dunha complicada situación, e quedaron co merecido premio dos dous puntos en xogo.

Culleredo despreocupate.es 28 (14+14): Juan Manuel Pérez, Lucas Sánchez (3), Marcos Regueiro, Javier Ansede, Shaiel Costa (1), Iván Sánchez, Teo Calvo (1), Samuel Seijas, Daniel González (1), David Martínez (3), Nuno Loxo (8), Iago Bescansa (6), Diego del Río (1) e Senén Garea (4).

BM Abegondo Atlántico 27 (15+12): Yago Pardo, Pedro Gil (2), Antón Cadaveira (2), Alexander Mendoza, Unai García (9), Tomás de la Fuente, Ángel Ramos (2), Diego Roel (1), Diego Lema (3), Diego Carracedo, Leo Rodríguez (8) e Enmanuel García.

Resultado cada 5 minutos: 2-2 / 4-3 / 8-7 / 9-12 / 11-14 / 14-15 (D) / 15-17 / 15-19 / 18-20 / 22-22 / 23-24 / 28-27.

Árbitros: Pablo Torreiro e André Pena.

Incidencias: partido correspondente á 5ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no pavillón de Almeiras con numerosa asistencia de público.

Vídeo do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *