Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es vence con solvencia ao Atl. Novás

O equipo xuvenil masculino de Liga Ouro derrotou este domingo con claridade aos rosaleiros do Atlético Novás, nun partido no que os nosos deixaron claro desde o primeiro minuto quen ía ser o dominador da contenda.

Logo de arrancar a liga con malas sensacións, non sendo quen de acadar o noso mellor nivel, esta xornada presentábase clave para intentar cambiar a dinámica e poñernos na senda das vitorias, e efectivamente o Culle conseguía, esta vez si, levar á práctica na competición o traballo realizado nos adestramentos.

Apoiados, como xa ven sendo habitual, nunha boa defensa, o noso equipo conseguía inhabilitar o xogo do Novás, e pouco a pouco ía abrindo brecha no marcador, sobre todo a través de rápidas transicións. Esta vez, os nosos rapaces conseguían en repetidas ocasións sacar partido da defensa anotando goles grazas ao xogo en velocidade, sen ter as perdas de balón que nos lastraron na xornada precedente. No xogo posicional, tamén se conseguía mover o balón con máis fluidez e anotar con relativa facilidade, tanto en lanzamento exterior da primeira liña, como en asistencias á segunda, que tamén estivo á altura.

Ao chegar ao descanso, o marcador sinalaba un claro 21-13 a prol dos nosos, e o partido parecía case sentenciado.

Na volta ao xogo, o Culle limitouse a controlar o resultado, con moitas máis rotacións nos xogadores das que se podía permitir o equipo rival, e simplemente deixando pasar os minutos ata finalizar cun contundente 35-26.

En definitiva, un encontro no que se conseguía levar o xogo ao ritmo que máis nos interesaba, e no que os nosos se facían fortes aplicando o noso estilo propio.

Culleredo despreocupate.es 35 (21+14): Juan Manuel Pérez, Lucas Sánchez (1), Marcos Regueiro (1), Javier Ansede, Diego Sala (2), José Miguel Martínez (3), Shaiel Costa (1), Teo Calvo (1), Daniel González (2), David Martínez (5), Nuno Loxo (11), Pablo Fariña (2), Iago Bescansa (1) e Senén Garea (5).

Atlético Novás 26 (13+13): Pablo Carrera, Mario Benito (4), Jacobo Rodríguez (2), Martín Domínguez, Lucas Sobrino, Martín Giráldez (2), Breixo Domínguez (4), Hugo Brandón (1), Antón Piñeiro (3), Alex Cobos, Brais Martínez (8) e Marcos Álvarez (1).

Marcador cada cinco minutos: 4-2 / 9-4 / 13-5 / 16-8 / 18-10 / 21-13 (Desc.) / 24-15 / 27-17 / 30-21 / 31-22 / 33-23 / 35-26.

Árbitros: Ángel Mateos e Rubén Iglesias.

Incidencias: partido correspondente á terceira xornada da Liga Ouro Xuvenil Masculina disputado no Pavillón de Almeiras.

Vídeo do partido:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *