Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es deixa escapar os puntos no seu primeiro partido en casa

O equipo xuvenil masculino de Liga Ouro disputaba a segunda xornada de liga e o seu primeiro encontro en casa, e tocáballe facelo contra o OAR Coruña, un encontro que xa se esperaba de moita tensión, pola tradicional rivalidade deste derbi local.

Os nosos empezaron o partido coa intención de facerse fortes na súa defensa, e desde o primeiro minuto deixaron claro que aos coruñeses non lles ía resultar sinxelo anotar. Así, todos os ataques do conxunto oarista chegaban ao límite do xogo pasivo, cos seus xogadores rebotando literalmente na defensa local. Isto permitía aos nosos recuperar balóns con relativa facilidade. Pero o problema non estaba na defensa, senón no xogo na outra área. O Culle, cunha precipitación totalmente innecesaria, empeñábase en regalar balóns ao contrario tanto por erros non forzados como por fallos nos lanzamentos, moitas veces sen ter ocasión clara para realizalos.

Deste xeito, aínda que a sensación no campo era de que os nosos eran superiores, non conseguían plasmalo no marcador. Ao final da primeira metade, incluso o equipo visitante conseguía poñerse por diante, e ao descanso o marcador era de 12-13.

As sensacións indicaban que bastaría con que os nosos conseguiran encadear un par de accións sen erros para poñerse ao mando, pero non foron quen de conseguilo. A defensa, e mesmo a portería, seguían funcionando ben, pero o ritmo cansino dos visitantes, con ataques que duraban ata varios minutos, acababan por atopar brechas na zaga cullerdense, e aínda que a proposta de xogo do OAR tiña moi pouco que ofrecer, acababan conseguindo éxito máis veces das que aos nosos lles gustaría.

O peor, é que os nosos empezaron a sentir cada vez máis presión, o que facía que o xogo de ataque fose aínda máis precipitado que na primeira metade, e que se perderan balóns con demasiada rapidez. O Culleredo caeu na trampa do OAR, ao que lle conviña un partido bronco, con pouco xogo, e o noso equipo acabou por regalar dous puntos que nunca deberían escaparse da nosa casa.

Toca reflexionar para non volver deixar escapar puntos como estes, que poden ser moi importantes ao final da liga.

Culleredo despreocupate.es 20 (12+8): Juan Manuel Pérez, Lucas Sánchez (1), Juan Francisco Pazos, Víctor Sala, Diego Sala (1), Shaiel Costa, Teo Calvo (4), Daniel González (1), David Martínez (3), Nuno Loxo (4), Pablo Fariña (2), Iago Bescansa (2), Diego del Río (1) e Senén Garea (1).

OAR Coruña 24 (13+11): Leo Cousilllas, Brian Soliño, Iván Alfonso, Joel Rábade (7), Adrián Pérez (5), Elías Rodríguez (1), Dereck Capelo, Richard Tejada, Sergio Prada, Alejandro Vasallo, Cristovo Castro (6) e Besay Dalmau.

Marcador cada 5 minutos: 1-0 / 3-2 / 6-5 / 9-7 / 11-11 / 12-13 (Desc.) / 14-15 / 15-15 / 15-17 / 17-19 / 20-23 / 20-24.

Árbitros: Ángel Mateos e André Pena.

Incidencias: partido correspondente á segunda xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no Pavillón de Almeiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *