Saltar ao contido

OS CADETES DO BM. CULLEREDO SWEEPEND, SON DE OURO!!!.

Os cadetes do BM.Culleredo Sweepend son de OURO!!!!!.
Os cullerdenses gañaron o tres partidos do Play-Off disputado en Almeiras e Tarrío durante esta fin de semana e álzanse así co primeiro posto do grupo 2, clasificándose desta forma, directamente para disputar a liga Ouro 2022-23 da categoría.
Se na primeira xornada, o BM.Culleredo Sweepend enfrontábase en Almeiras á SD.Teucro Voz y Sonido Producciones, conseguindo un amplo triunfo nun envite no cal foi dono e señor de principio a fin en todas as fases do xogo, no segundo, ante os Embutidos Lalinense, os anfitrións terían que empregarse a fondo, especialmente nunha segunda parte na que comezaban con desvantaxe de 3 goles (10-13). Nun segundo acto excelente a nivel defensivo (6 goles encaixados), os de Culleredo selaban unha vitoria vital para os seus intereses cun global de 25-19 e un parcial nese tempo de 15-6. Quedaba por tanto poñer a guinda ao pastel na matinal do Domingo ante os mozos das Carnes Doribeiro-Ourense Provincia Termal, esta vez, do mesmo xeito que na xornada do Sábado, no municipal de Tarrío. Nesta ocasión, o partido foi o de menos nivel e con menos ritmo por parte dos dous conxuntos. A fatiga acumulada nos días anteriores e sobre todo, a cómoda vantaxe conseguida desde o principio polos locais, demostrando unha superioridade manifesta nas diferentes fases do xogo, parecía dar a clasificación por concluída e o ritmo tornábase entón máis acougado. Así foi entón que a segunda parte caeu moitísimo canto a intensidade e a concentración, impóndose os ataques ás defensas e sumando goles ambos os conxuntos con escasa resistencia por parte das respectivas retagardas. O marcador foi aumentando entón os algarismos e reducindo as diferenzas ata ese 36-30 final que dá a clasificación ao BM.Culleredo Sweepend.

O equipo soubo sobreporse desde o primeiro día ás importantes baixas de Samuel e Aarón e, especialmente o día do enfrontamento ante o conxunto de Lalín, dar un paso adiante para superar o momento máis crítico da fin de semana. Destacar a aqueles xogadores de primeiro ano como Hugo Díaz, Jaime Serrano, Jorge Outón, e os de segundo, como Anxo Negreira, Iago Vázquez e Álvaro Siso, que este ano participarán tanto en Liga Prata cos outros equipos do club e en Liga Ouro con este Sweepend. Todos eles sumaron minutos de calidade e demostraron o alto nivel como colectivo que pode dar esta xeración. A eles, únense tamén Hugo Rodríguez e Roi Fdez (presente no banco no partido de onte), como outros nomeados que poderán participar este ano en Liga Ouro e o resto de compañeiros dos conxuntos de Prata, que, conformando un total de 41 efectivos, completan tres equipos potentes de grandes traballadores e loitadores con moito futuro por diante. Bravo por estes 41 rapaces, polo que fixeron, polo que están a facer e polo que lles queda por diante.

Esta fin de semana participaron:

Marco González, Hugo Díaz, Atalo Bello, Nico Casal, Iván Sánchez, Josemi Martínez, Adrián Veira, Antón Pérez, Alejo Martínez, Anxo Negreira, Iván Sánchez, Jorge Outón, Álvaro Siso, Jaime Serrano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *