
Dous puntos máis para o BM.Culleredo e obxectivo conseguido na difícil pista do Poio Artai, aínda que o encontro se atragantaría máis do necesario visto o desenvolvemento do mesmo. Os cullerdenses manteñen a súa condición de invictos nas dúas primeiras xornadas de competición, despois de superar a dous dos equipos máis potentes da mesma.
Non foi un bo partido por parte dos xogadores do BM.Culleredo, que comezaban moito máis expesos o envite e cun ritmo inadecuado aos seus intereses. Os erros ante o porteiro comezaban a facer aparición e os da retagarda, pasaban factura despois de ter aos locais en varias ocasións ao bordo do pasivo. Os problemas acrecentábanse coa vermella directa a Marco no minuto catro e o partido tomaba uns camiños nada halagüeños para os intereses dos visitantes. A pesar destes contratempos e do mal xogo, o BM.Culleredo mantiña a toma e daca con marcadores igualados, debido aos seus escintileos e o seu potencial desde máis aló dos nove metros. Cando se sumaban a isto os éxitos defensivos, a velocidade facía estragos nos locais, que non eran capaces de seguir o ritmo dos cullerdenses. Con todo o 11-13 ao descanso, tornaba en positivo as posibilidades do conxunto de Culleredo.
A saída do BM.Culleredo no segundo acto foi fulgurante, un conxunto que agora mostraba o ritmo e o dinamismo que botou en falta nos primeiros trinta minutos, íase ata os cinco goles de diferenza (11-16) coa defensa e o contraataque como baluartes. O técnico local víase na obrigación de parar o envite e solicitar o seu tempo morto no inicio da continuación. Lonxe de confirmar o seu excelente inicio, o BM.Culleredo entraría de novo nun vórtice de erros incomprensibles que volvían meter ao seu rival no partido. Cinco minutos sen marcar e un cúmulo de erros na retagarda, facían posible que se chegase ao minuto 45 coa vantaxe local por 19-18. Había que volver remar e de novo, nunha montaña rusa de xogo, o BM.Culleredo conseguía un 1-4 de parcial para colocarse dous goles por diante, unha renda que se ampliaría a tres cando se chegaba á recta final do encontro. Foi entón cado, de novo, nesa tolemia na que se converteu o partido, reducían as diferenzas os de Poio ata igualar o marcador a escasos minutos do final (26-26). Con sufrimento e coa sensación de que o BM.Culleredo xogara no gume da navalla sen ter por qué, os dous puntos acabarían por viaxar a Culleredo despois de que os colexiados sinalasen o final do encontro. Tan só un gol de diferenza que, iso sí, deixan aos de Culleredo nos postos altos da clasificación despois das dúas primeiras xornadas de liga.
Poio Artai: 26 (11+15). Julio Ferreiro (P), Anxo Fraga (P), Santi Picallo (P), Santi Calvo (2), Daniel Balea (2), Alejandro Pombo (7), Daniel Trigo (3), José Veloso (2), Oliverio Da Silva (1), José Manuel Núñez, Pablo Romero (3), Andrés Pérez (5), Emilio Baqueiro, José Javier Hermida (1).
BM. Culleredo : 27 (13+14). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Cristian Vigo (P), Martín ínsua (1), Miguel Casal (6), Marco García, Marcos Vázquez (1), Daniel De Salvador (3), Iago Ferreiro (1), Álvaro Fdez (5), Diego Gago (1), Mario Crecente (3), Darío Pérez (1), Adrián Rodríguez, Alberto Catoira (5).
Parciais cada 5´: 3-2 / 4-4 / 6-5 / 8-7 / 9-10 / 11-13 / Descanso / 13-17 / 15-17 / 19-18 / 20-22 / 23-26 / 26-27 / Final.
Colexiados: Leyre Fdez e Cesar Carballo.
Incidencias: Segundo encontro da 1ª autonómica en categoría senior masculino, disputado no pavillón de A Seca, en Poio (Pontevedra), con cen seareiros nas bancadas.
