Saltar ao contido

INICIO DE LIGA SOÑADO PARA O BM.CULLEREDO

Esta fin de semana pasada, comezaba a liga regular na categoría senior de 1ª autonómica. O BM.Culleredo iniciaba a competición como local e recibía no municipal de Tarrío ao potente Magope Seis Do Nadal, un conxunto poderoso, recentemente descendido da 1ª nacional, que mantiña boa parte do seu cadro de persoal e mesmo reforzábao con Guille Rial, un xogador que chegaba directamente da ATL.Novás, conxunto da DH Prata. Con esta presentación do conxunto olívico, estaba claro que o primeiro test da 2022/23, ía ser da máxima esixencia e que os locais terían que estar por encima do nivel demostrado en anteriores encontros.
O BM.Culleredo, saía ao 40x20 do municipal cullerdense e desde o primeiro minuto mostraba unha concentración e intensidade que auguraban un talante competitivo propio do envite. Sería o primeiro e importante paso para enfrontar as dificultades que con certeza aparecerían. A solidez no 6:0 defensivo, o dinamismo nas fases do xogo de ataque e contraataque e a velocidade do balón no xogo combinativo, mostrábanse como os alicerces sobre os que se sustentaban as primeiras vantaxes (3-1). A medida que o tempo avanzaba, o BM.Culleredo crecía en confianza e situábase no meridiano cunha cómoda vantaxe (8-5). Foi a partir de aquí cando o dominio no xogo fíxose máis evidente e durante dez minutos de balonmán excelso, os de Culleredo lanzábanse ata os sete goles de renda ante un rival sobrepasado pola fluidez no xogo do seu rival (14-7). Tan só, varios erros non forzados nos últimos cinco minutos e o aproveitamento deste feito polo conxunto olívico, embazaría en certa medida os primeiros vinte e cinco minutos cun 2-5 que deixaría a diferenza en catro goles no tempo de descanso.
Esperábase unha saída fulgurante dos visitantes, na procura da remontada e así ocorreu na continuación. A dureza do ton defensivo subía e o ataque local navegaba agora nun mar de dúbidas, a dinámica non era positiva e aínda que o marcador continuaba favorecendo ao BM.Culleredo, o técnico local debía solicitar o seu tempo morto para tentar que o seu equipo mantivese a calma e volvese ao modelo que tanto éxito lle dera no primeiro acto. As dúbidas, sempre malas compañeiras, facían a súa aparición e os erros, tanto en forma de perdas como de lanzamentos, sucedíanse. A renda reducíase á mínima expresión (18-17) e o BM.Culleredo, víase na obriga de restablecer e iniciar outro ciclo gañador nos últimos quince minutos de encontro. Foron momentos duros, tensos, pero os de Culleredo mantiveron o tipo, as arremetidas do seu rival e souberon sufrir, para, nos últimos cinco minutos, volver romper o encontro con tres lanzamentos consecutivos desde máis aló dos 9m e as respostas exitosas da portería. Por último, o equipo soubo imporse á defensa presionante que os de Vigo propuxeron nos derradeiros minutos e deixar a diferenza en cinco goles (37-32), un resultado importante que dá os primeiros puntos ao BM.Culleredo e deixa un pouso de confianza e ilusión vital para os próximos enfrontamentos.

BM. Culleredo : 37(16+21). Oscar Bello (P), Jorge López (p), Alberto Catoria (3), Martín ínsua (1), Miguel Casal (3), Iago Franco, Marco García (3), Marcos Vázquez (4), Daniel De Salvador (8), Álvaro Fdez (4), Iago Ferreiro (3), Juanchi, Diego Gago (6), Mario Crecente (1), Darío Pérez, Adrián Rodríguez (1).

Magope Seis Do Nadal: 32(12+20). Santiago Iglesias, Marcos Domínguez (1), Iago López (1), Xabier Reveriano Soutullo (3), Andrea Marie, Adrián Leirós (11), Pablo Orge (2), Gerard Conill, David Chao, Bruno Cela (4), Álvaro Cameselle, Xoán Otero, Guillermo Rial (4), David Rial, Samuel Couto (4), Jorge Gayo (2).

Parciais cada 5´: 1-0 / 2-2 / 8-5 / 11-6 / 14-7 / 16-12 / Descanso / 18-14 / 18-17 / 21-20 / 23-22 / 27-24 / 37-32 / Final.

Colexiado: José Henrique Folgoso e Diego Rivera.

Incidencias: Primeiro encontro da Liga regular en 1ª autonómica, categoría senior masculino. Partido disputado nun municipal de Tarrío con moi boa entrada.

Fotos do encontro:

https://photos.google.com/share/AF1QipMDBM0Me0y5bROszC4fQsGqfp5Ztk9AjgadyejM4GHxcE98Cnb-UYKZBvAnmN__1g?key=eG9WVEM0MVFGQU9XNXZmdWVHanRvY3Y0YXdmaTNR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *