Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es, implacable no seu debut en casa

Arrancaba este venres a xornada para o noso xuvenil masculino, no primeiro dos dous partidos aos que tiña que facer fronte nesta fin de semana, recibindo ao SD Teucro AyF Corredurías, na que era a presentación ante a súa afección en Almeiras.

O encontro, segundo partido oficial desta tempada, deixou ver que aínda falta rodaxe, e que hai aspectos do xogo, especialmente en ataque, onde hai que seguir traballando para conseguir o nivel esperado. Pero onde non apareceu nin unha pequena mácula foi na extraordinaria actitude de todo o grupo, que afrontou a contenda cunha determinación inquebrantable.

O partido estivo marcado pola gran intensidade defensiva que os nosos tiveron, mantendo unha solidez e unha contundencia sen fisuras durante os 60 minutos de xogo. O Teucro, moi voluntarioso ata o final, loitaba e o intentaba canto podía, pero unha e outra vez víase incapaz de romper a nosa defensa. O rendemento dos nosos era tal, que no minuto 20 da primeira metade o Culle só levaba encaixados catro tantos. No descanso, 13-7 para os locais.

A segunda metade non trouxo nada novo, a nosa defensa seguía a ser case inexpugnable, mantendo o nivel a pesar das rotacións, e onde todos os xogadores cumpriron con nota. Destacar o incansable traballo da nosa parella de centrais defensivos, Iago Bescansa e Pablo Fariña, que están asimilando moi ben o papel que este ano lles corresponde, o de líderes do noso bloque defensivo.

Se a o bo traballo defensivo, sumamos a brillante actuación dos nosos porteiros, é cando se fai posible deixar ao equipo rival en tan só 14 tantos ao final do partido, para certificar a nosa primeira vitoria en casa por un contundente 30-14.

En menos de 48 horas o equipo finalizará esta fase clasificatoria na pista do Rodespi Cañiza, onde estará obrigado a gañar para asegurarse rematar como campión de grupo.

Culleredo despreocupate.es 30 (13+17): Juanma Pérez, Iago Bescansa (2), Lucas Sánchez (2), Víctor Sala, Josemi Martínez (2), Shaiel Costa (3), Teo Calvo (2), Daniel González (2), Diego Sala (2), David Martínez (2), Nuno Loxo (8), Pablo Fariña (1), Diego del Río (1) e Senén Garea (3).

SD Teucro AyF Corredurías 14 (7+7): David Pintos, Pablo Escudero, Anxo Barco, Agustín Borel (1), Iker Rodiño, Iam Pasquallotto (1), Hugo Cid, David Senra, Óscar Baltar (4), Marcos Ríos (2), Jorge Pazos, Roi González (5), Kevin Tajes, Alejandro Sanz (1) e Brais Sabajanes.

Árbitros: Ángel Mateos e André Pena.

Incidencias: partido correspondente á segunda xornada da Fase de Clasificación que tivo que ser aprazado no seu momento, disputado no Pavillón de Almeiras ante unha numerosa e animosa afección.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *