Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO PRESÉNTASE ANTE A SÚA AFECCIÓN NA NOVA TEMPADA

Ilusionante reencontro entre o equipo senior do BM.Culleredo e a súa afección despois do parón estival. Estrea na competición de Copa Galicia contra un rival de entidade, xa que a categoría nacional que ocupa Carnes Doribeiro Ourense Provincia Termal, así o testemuña.

Típico partido de pretempada, aínda con pouco ritmo na circulación do balón e acumulación de imprecisións, pero cunha boa posta en escena en canto ao factor competitivo á hora de seguir sumando minutos de preparación de cara ao comezo de liga o 9 de Outubro.

O encontro estivo igualado de principio a fin e só se resolveu nos instantes finais, nun último tramo cheo de incertidume. Os cullerdenses, tentaron impor a súa xa sabida preferencia polo ritmo alto, asegurado polas rotacións continuas para manter aos xogadores nun bo ton físico. Cando isto fluía de maneira positiva, os locais dominaban, pero a calidade dos visitantes nas situacións de 1x1 e 2x2 no xogo co pivote, contrarrestaban as virtudes dos de Culleredo para facer que as alternativas no electrónico foran sucedéndose. As táboas que reflectía o marcador ao termo do primeiros trinta minutos, daba boa conta da igualdade reinante (16-16).


Na continuación, máis do mesmo: tensión, incertidume e alternancias en procura dunha vitoria chamada a consolidarse nos instantes finais. Así foi e despois de que o BM.Culleredo vise como quedaba un gol anulado a falta de trinta segundos no quinto pase despois de aviso de pasivo, os visitantes conseguían o da vitoria sen tempo para máis, asentando un pesar por este desenlace final, pero boas sensacións despois de competir de ti a ti contra un rival de categoría superior e engadir un test moi positivo á preparación de cara ao comezo ligueiro.

BM. Culleredo: 32 (16+16). Oscar Bello (p), Jorge López (p), Marco García (3), Miguel Casal (2), Mario Crecente (4), Álvaro Fdez (5), Iago Ferreiro (3), Marcos Vázquez (3), Alberto Catoira, Martín ínsua, Darío Pérez, Adrián Díaz, Daniel De Salvador (2), Juanchi (5), Diego Gago (4), Senén Garea (1).

Carnes Doribeiro Ourense Provincia Termal: 33 (16+17). Ángel Táboas, Roi Sierra (4), Pablo Álvarez, Manuel Álvarez, Joel Fontenla (3), Pablo Lorenzo (2), Joel Colmenero, Ángel Riveiro (3), Xacob Novoa (5), Nicolás Alberte, Jacobo Rodríguez (8), Xoel Martínez (8), Manuel Cerviño.

Colexiados: Pablo Barreiro e Christian García .

Incidencias: Primeiro encontro da tempada 2022-23 correspondente a competición de Copa Galicia, celebrado nun polideportivo de Almeiras abarrotado de siareiros do BM.Culleredo.

Fotos Do Encontro no seguinte enlace:

https://photos.google.com/share/AF1QipMWB6lvB2oJg_tA8zO3MkND_JVTKsTGBRP4ideQuhIqRFSHEY_4-usCyMr7MhhOyw?key=RUI2SGN3TFYtY3ZKU0M2dHYxc01CZlV6WEFpTEtn

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *