Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO PROCLÁMASE CAMPIÓN DA COPA FEDERACIÓN

O BM.Culleredo puxo o broche á tempada 2021/22 onte domingo e fíxoo da mellor forma posible, proclamándose campión de Copa Federación, derrotando na final ao BM.Porriño.
De novo ambos os equipos, citábanse nunha gran final; a anterior fora na Final Four de liga con resultado positivo para os do Porriño pola mínima diferenza (22-21). Era por tanto imposible lembrar aqueles momentos de hai unhas semanas e que non existise un halo de revanchismo deportivo no ambiente. Dous conxuntos poderosos na categoría, con modelos diferenciados e potencial suficiente para que a incertidume da vitoria non dese un claro favoritismo a ningún dos dous de partida.
Tras un inicio igualado, os cullerdenses tomaban a iniciativa no electrónico e cando se afrontaban os últimos dez minutos da primeira parte, conseguían abrir unha brecha nada desdeñable de tres goles, diferenza coa que se chegaría ao tempo de descanso (16-13).
Coa mesma dinámica positiva que terminara o primeiro asalto, comezou o segundo, saíndo o BM.Culleredo gañador nos diferentes parciais e aumentando por tanto a distancia segundo ían pasando os minutos. A falta de cinco para a finalización, os locais xa saboreaban o título, alcanzando a máxima diferenza do encontro (30-24) e mostrándose moito máis enteiros a nivel físico. Co asubío final, experimentaríase esa perfecta simbiose entre afección e equipo, felices por conseguir o premio final e a rúbrica dunha tempada na que o club demostra o seu continuo crecemento.
Os momentos máis emotivos chegaron na entrega de trofeos, presidida polas diferentes autoridades como o concejal de deportes do concello de Culleredo e representantes da FGBM xunto ao noso presidente. Nela, os xogadores do BM.Culleredo mantearon a aqueles compañeiros que non continuarán no plantel de cara ao ano que vén e recibiron todo o afecto e o recoñecemeto dos afeccionados polo seu bo facer nesta campaña 2021/22.

BM. Culleredo: 32 (16 + 16).  Oscar Bello (p), Cristian Vigo (p), Alberto Catoira (2), Miguel Casal (4), Iago Franco (3), Dani Del Río, Mario Crecente (3), Daniel De Salvador (3), Marcos Vázquez (2), Álvaro Fdez (5), Iago Ferreiro (6), Diego Gago (3), Aresio Rosende, Darío Pérez, Juanchi, Adrián (1).

Balonmano Porriño: 27 (13 + 14).  David Moreiras (3), Eduardo Alonso, Martín Brandariz (4), José Álvarez, Jonathan Vila (5), Xosé Canedo (7), Miguel Guedes, Nahum Pérez (4), Juan Rodríguez (2), Jesús Maquieira (2), Javier Varela, Eloy Fdez, David Pereira.

Parciais cada 5´: 3-2 / 5-3 / 7-6 / 10-9 / 14-11 / 16-13 / Descanso / 19-15 / 23-18 / 26-21 / 29-23 / 30-24 / 32-27 / Final.

Árbitros: Pablo Barreiro e Andrés Rosendo. 

Incidencias:  Final da Copa Federación masculina na categoría senior, disputada no municipal de Tarrío. Espectacular ambiente cos nosos seguidores animando e recoñecendo a labor feita polo equipo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *