Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es clasificado para os cuartos de final da Copa Sponsor

Despois de derrotar con claridade ao Arteixo na xornada precedente, o noso equipo xuvenil tiña virualmente garantida a primeira praza do grupo e o pase a cuartos de final da Copa Sponsor xa antes de xogar nesta xornada co Oar Coruña.
Deste xeito, ao partido foron convocados ata seis xogadores cadetes de primeiro ano, que disputarían os seus primeiros minutos en categoría xuvenil, e que competiron moi dignamente nun escenario que aínda non lles corresponde.

O encontro foi controlado con bastante claridade polos nosos case de principio a fin, mantendo diferencias ao redor de catro tantos ao noso favor, aínda que sen abrir a brecha definitivamente.

Mediada a segunda parte, unha lesión muscular de Nico Pérez deixábanos xustos de efectivos sobre todo no centro da defensa. Aínda así, conseguíamos manternos por riba no marcador con certa solvencia. Pero nos últimos minutos do encontro, o cansazo dalgúns dos xogadores xuvenís que estaban a levar o peso do xogo, fixo que nos complicaramos o resultado. Un par de erros no peor momento, permitían ao OAR darlle a volta ao marcador in extremis para levar a vitoria pola mínima, no que probablemente sería un resultado tan inxusto polos méritos vistos no campo como intrascendente de cara á clasificación.

A próxima fin de semana recibiremos ao BM Arousa en encontro correspondente aos cuartos de final dunha competición, que está servindo máis para foguear aos novos xogadores que veñen por detrás, que para exprimir aos máis “veteranos” da categoría.

OAR Coruña 25 (10+15): Brian Soliño, Iván Alfonso, Joel Rábade (5), Antón Casas, Adrián Pérez (2), Elías Rodríguez, Richard Tejada, Ramón López (6), Alejandro Vasallo (1), Cristovo Castro (1), Efrén Oviaño (6) e Besay Dalmau.

Culleredo despreocupate.es 24 (13+11): Xoel Garrido (2), Martín Insua (6), Iago Chao (1), Jorge López, Nicolás Arias (1), Nicolás Díaz (1), Bruno Pardo, Iago Vázquez, Félix Noya, Nicolás Pérez (4), Nuno Loxo (7), Gonzalo Palleiro (1), Mateo Pérez e Senén Garea (1).

Árbitros: Pablo Torreiro e Martina Regueiro. Sen complicacións.

Incidencias: partido correspondente á fase de grupos da Copa Sponsor disputado no Pavillón San Francisco Javier de A Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *