Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SUPERA CON NOTA A SÚA PRIMEIRA FINAL E XA É SEGUNDO

Tarde de festa o pasado sábado no pavillón de Tarrío e algarabía final na vitoria do BM.Culleredo ante o BM.Porriño, que supón o primeiro paso para que os cullerdenses poidan seguir aspirando ao campionato ligueiro.


O gran encontro da xornada, o partido REMAX RIAZOR, coa presenza de Rubén Allegue como xerente da entidade colaboradora e patrocinadora co club, non defraudaría e xa nos prolegómenos podíase intuír o ambiente festivo das grandes ocasións, referendado minutos máis tarde pola inxente afluencia de público ao municipal de Tarrío. Foto do equipo senior masculino cos representantes de REMAX RIAZOR e ALCER (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril), xusto antes da traca inicial do que sería un espectáculo de altos voos entre dous dos favoritos ao título.


O BM.Culleredo comezaría o envite cunha intensidade sobresainte, a propósito do moito que estaba en xogo. A retagarda, que se convertería en bastión fundamental da vitoria final, mostrábase dinámica e contundente para poder despregar un alto ritmo despois da recuperación do balón. O BM.Culleredo sabía que debía de impor o seu modelo, antagonista dos do Porriño, máis pausado e acougado. Non defraudarían os primeiros trinta minutos, onde os dous conxuntos loitaban por dominar co seu estilo e as alternancias no marcador foron unha constante. No tempo de descanso, o 14-13 anunciaba novas emocións de cara ao segundo acto e moita incertidume para resolver finalmente un duelo que estaba a ser vibrante.


O BM.Culleredo, conseguiría facer das rotacións dun plantel longo e con moita riqueza unha ferramenta esencial deste segundo tempo, minando ao seu rival aos poucos e evitando que puidese contrarrestar a intensidade da retagarda local e o alto ritmo imposto. A medida que pasaban os minutos, a enerxía dos porriñeses iría minguando e no meridiano, os tres goles de diferenza que reflectía o electrónico (22-19) e a tendencia que se albiscaba no xogo, comezaba a aclarar o camiño para os de Culleredo de forma moi positiva. Nesta recta final do partido, a falta de gasoliña facíase moito máis evidente para o conxunto visitante e o BM.Culleredo conseguiría elevar a diferenza ata os seis goles. Co asubío final, desataríase o xúbilo no corenta por vinte e na bancada, nunha simbiose apoteósica das grandes noites deportivas en Tarrío. Un marcador de 28-23 que fala moi ben do traballo entre o bloque defensivo e a portería e que mesmo fai gañar a golaverage co rival de hoxe. Un primeiro paso no que era a primeira final doutras dúas que quedan por disputar. O sábado que vén, ante o Artai Poio e de novo no mesmo escenario de Tarrío, o BM.Culleredo espera repetir a fazaña ante ese público enfervorizado e animoso que levou ao equipo á vitoria soñada.

BM. Culleredo: 28 (14 + 14).  Oscar Bello (p), Jorge López (p), Pablo Giráldez (1), Alberto Catoira, Carlos Costa, Miguel Casal (1), Iago Franco (2), Dani Del Río, Mario Crecente (6), Daniel De Salvador (3), Marcos Vázquez (4), Álvaro Fdez, Iago Ferreiro (1), Diego Gago (4), Juan De Salvador (1), Aresio Rosende (5).

Balonmano Porriño: 23 (13 + 10). Miguel Guedes, Fabián Taboada (2), David Moreiras (2), Javier Varela, Martín Brandariz, Iván Fernándes (1), José Álvarez, Jorge Estévez (2), Adrián Carrera, Xosé Canedo (5), David Pereira, Nahum Pérez (3), Juan Rodríguez (1), Jesús Maquieira (7).

Parciais cada 5´: 3-3 / 6-5 / 7-8 / 9-10 / 11-11 / 14-13 / Descanso / 16-14 / 19-17 / 22-19 / 24-20 / 27-21 / 28-23 / Final.

Árbitros: Henrique Folgoso e Alberto Rodríguez. 

Incidencias: 20ª xornada da 1ª autonómica masculina. Encontro REMAX RIAZOR xogado no municipal de Tarrío con cheo nas bancadas e ambiente festivo de balonmán..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *