Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es acaba cedendo fronte ao Teucro pese a facer un bo partido

Os nosos xuvenís de Liga Ouro quedaron sen premio na mañá do domingo en Pontevedra, no partido que os poñía fronte ao Teucro Voz y Sonido Producciones, actual terceiro clasificado da liga.

O encontro arrancou con igualdade no xogo, aínda que pronto o Culleredo iría collendo a iniciativa, apoiados sobre todo na boa defensa, que levaba aos pontevedreses a xogar ataques moi longos, con moitos problemas para finalizar. Na outra área, os ataques resolvíanse con oficio, sen a precipitación de outros días, e conseguindo as máis das veces anotar con accións de gran nivel. Así, o marcador chegou a estar ata catro tantos a prol dos nosos (6-10).

Malia todo, nos últimos minutos da primeira metade, encadeamos algúns erros que nos levaron a dilapidar en pouco tempo a vantaxe conseguida, e poñer ás táboas no descanso: 11-11.

Na continuación, o encontro parecía que ía continuar polo mesmo camiño, e a igualdade continuaba no marcador, ata mediada esta segunda metade. A partir dese momento, o Culle comezou a perder un pouco de ritmo. O cansazo de algúns dos xogadores que estaban levando o peso sobre todo no xogo de ataque, facía que cada vez fose máis complicado anotar, e un Teucro que espremía todos os seus ataque ata o mesmo límite do xogo pasivo, conseguía poñerse por diante.

Nos últimos minutos, xa xogando á desesperada coa defensa adiantada, o Culle arriscou para tentar dar a volta ao marcador, pero o único que conseguiu foi que a diferenza fose aínda máis avultada, finalizando cun marcador que non reflicte a igualdade que se viu no terreo de xogo: 31-24.

Teucro Voz y Sonido Producciones 31 (11+20): Miguel Monteagudo (6), Pablo Escudero (1), Brais Cerviño (7), Martín González (1), Sergio Blond (3), Manuel Rodríguez (10), Sergio Cortizo (1) e Brais Sabajanes (1).

Culleredo despreocupate.es 24 (11+13): Iván Manzo, Xoel Garrido (2), Martín Insua (2), Iago Chao, Jorge López, Lucas Sánchez, Nicolás Pérez (1), Shaiel Costa, Mateo Díaz (3), Samuel Seijas (1), Nuno Loxo (11), Pablo Fariña (1), Gonzalo Palleiro (2) e Senén Garea (1).

Árbitras: Iria Rivera e Marta González.

Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina disputado no Pavillón Municipal de Pontevedra.

Parciais cada 5 minutos: 2-2 / 5-4 / 6-6 / 6-10 / 8-10 / 11-11 (Descanso) / 15-14 / 18-18 / 22-18 / 23-19 / 26-21 / 31-24 (Final)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *