Saltar ao contido

PARTIDO MOI SERIO DO BM.CULLEREDO PARA IMPORSE NA DIFÍCIL PISTA DO ROSAL

O BM.Culleredo, viaxaba este pasado sábado á sempre complicada cancha do Acanor ATL.Novás, no Rosal. Sabendo das dificultades que sempre ofrece o bravo e competitivo conxunto rosaleiro, os cullerdenses desprazábanse ata a localidade pontevedresa coa necesidade de regresar cos dous puntos en xogo para continuar na loita polos postos máis altos da táboa clasificatoria.


Fieis a esta ambición e responsabilidade, os xogadores do BM.Culleredo saíron ao 40x20 concentrados e con seriedade para afrontar un envite de tal magnitude. Nos primeiros compases, desarbolaron ao seu rival a partir dun traballo defensivo sobresainte e xa no minuto dez, obrigaban ao técnico local a solicitar o seu primeiro tempo morto para recompor ao seu equipo e que non se lles escapase o partido ao primeiro de vez (2-8). A reacción non puido ser mellor para os rosaleiros, xa que un parcial de 4-1 apertaba o marcador (6-9). As tornas cambiaban en apenas uns minutos e agora sería momento para que o adestrador cullerdense solicitase ese tempo de pausa para dar as consígnas adecuadas aos seus xogadores. O BM.Culleredo, serio e centrado no seu traballo, non se descomporía e volvería recuperar o terreo perdido para dominar ao descanso cunha vantaxe sumamente valiosa (9-15).


Na continuación, o BM.Culleredo pasaría polos seus momentos máis delicados, xa que nos primeiros cinco minutos e tras unha saída fulgurante da ATL.Novás, as diferenzas reduciríanse perigosamente tras un 6-2 de parcial (15-17). Unha vez máis e cando máis empuxaban os locais, o conxunto de Culleredo demostraría unha gran personalidade e, sen deixar que as dúbidas aflorasen no seu plan de partido nin no seu modelo de xogo, voltarían a retomar unha diferenza cómoda en apenas dez minutos, despois dun cambio defensivo que resultou ser vital (17-22). O último tramo discorreu cun dominio do ritmo e do xogo por parte do BM.Culleredo, que mesmo chegou a aumentar a diferenza ata os seis goles, distancia que se viu reducida grazas ao carácter competitivo do equipo do Rosal, pero que non privou aos de Culleredo deses dous importantes puntos que os manteñen na pelexa polos obxectivos máis ambiciosos.

Acanor ATL, Novás: 26 (9 + 17). Diego José Iglesias, Carlos Alonso, Santiago Sanjuan, Pablo Alonso (1), Oscar González, Diego Bento (1), Adrián Carrera (1), Jorge González (3), Yago Alonso (5), Alejandro López, Gabriel Lomba (7), Aitor Rodríguez (3), Yasir Martínez, Mario Fdez (4), Rubén López (1), Mateo Barbosa.

BM. Culleredo: 29 (15 + 14).  Antonio Vieiro (p), Cristian Vigo, Alberto Catoira (2), Martín ínsua (1), Carlos Costa, Miguel Casal (6), Iago Franco (6), Marcos Vázquez (2), Iago Ferreiro (2), Diego Gago (2), Darío Pérez, Aresi Rosende (3), Daniel De Salvador (5).

Parciais cada 5´: 1-3 / 2-8 / 6-9 / 7-10 / 8-11 / 9-15 / Descanso / 15-17 / 17-19 / 17-22 / 19-25 / 21-27 / 26-29 / Final.

Árbitros : Cesar Díaz e Carlos Manuel Alonso. Sen complicacións.

Incidencias:  Xornada 17ª na 1ª autonómica masculina. Partido disputado no municipal do Rosal coa presenza dos sempre animosos siareiros rosaleiros..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *