
O BM.Culleredo, conseguíu un novo triunfo para seguir invicto e liderar a 1ª autonómica. Unha vitoria no municipal de Tarrío ante o BM.Tui que se fraguou desde os comezos, debido a un alto ritmo imprimido polos locais e diante do bo equipo do sur.
Coa concentración e seriedade debida, saíron os cullerdenses ao 40x20 de Tarrío e desde os primeiros instantes, dominaron o envite en todas as fases do xogo, avantaxando ao seu rival por cinco goles xa no meridiano (10-5). Cun xogo dinámico, apoiado na fortaleza defensiva e impondo un ritmo frenético ao encontro, o BM.Culleredo remataba os primeiros trinta minutos cunha cómoda vantaxe (17-11), pero había que referendar o bo partido no segundo acto e sen confianza algunha ante o bo conxunto de Tui.
A saída do equipo de Culleredo aínda foi mellor na continuación, conseguindo un nivel defensivo altísimo que facía posible que o equipo encaixase tan só catro goles en vinte minutos. A estas alturas, o partido estaba sentenciado (32-15) e foi entón cando a intensidade dos locais baixaría dado que os dous puntos xa estaban no peto.
BM. Culleredo: 39 (17 + 22). Oscar Bello (p), Cristian Vigo (p), Antonio Vieiro (p), Alberto Catoira (3), Carlos Costa (1), Miguel Casal (5), Iago Franco (4), Dani Del Río (1), Mario Crecente (5), Marcos Vázquez (3), Álvaro Fdez (2), Iago Ferreiro (5), Diego Gago (5), Juanchi, Darío Pérez (3), Adrián Díaz (2).
C.BM.Tui: 23 (11 + 12). Pablo Solleiro, Juan Adrián Casales, Xabier Romero, Miguel Ángel Martínez (2), Manuel Fdez (2), Carlos Fdez, Saul González, Diego Pons (3), Jacobo Grégores (3), Miguel Díz (1), Ismael Domínguez (1), Luis Pérez, Pablo Gándara (10), Adrián Areal (1).
Árbitros: Christian García e Pablo Barreiro.
Incidencias: 8ª xornada da 1ª autonómica masculina. Encontro xogado no municipal de Tarrío ante douscentos siareiros.




















