Saltar ao contido

VITORIA TRABALLADA DO BM.CULLEREDO EN PONTEDEUME

O BM.Culleredo conseguíu o pasado domingo unha nova vitoria que lle fai continuar invicto e no máis alto da táboa clasificatoria, esta vez a domicilio e na sempre complicada cancha do Balonmán Pontedeume.
A pesar do bo comezo dos cullerdenses, que dominaban por un claro 2-6 aos dez minutos, os locais mostraron unha gran reacción despois do primeiro tempo morto do seu adestrador e responderon cun 7-2 que reducía as diferenzas á mínima expresión ao paso polo minuto vinte. Tras estas alternancias de dominio para un e outro conxunto, a igualdade instauraríase no 40x20 do municipal da Casqueira e as táboas reinarían no electrónico ao termo do primeiro acto (10-10).
Os primeiros quince minutos da continuación, foron un calco dos últimos do primeiro tempo e mesmo, os locais chegarían a colocarse dous goles por encima. Parecía que as alarmas se acendían, pero o BM.Culleredo non perdería a calma e cun 0-3 de parcial, voltearía o marcador para establecer de novo unha vantaxe curta no meridiano (16-18). Sería entón cando o conxunto de Culleredo aumentaría notablemente as súas prestacións, reducindo os erros e sacando partido ao bo facer da retagarda, que alternaba agora o sistema 5:1 co 6:0. No ataque, o xogo de amplitude co pivote entre os dous 3 do rival, daba un gran rendemento e a fluidez do balón facía posible os desequilibrios na defensa do bravo conxunto eumés. En quince minutos, un contundente 1-9 de parcial selaba o envite a favor do BM.Culleredo cando aínda faltaban cinco para o desenlace final (17-24) e os cullerdenses conseguían desta forma outra importante vitoria que os mantén nos postos de privilexio.

BM. Dispesán Café Pontedeume: 20 (10 + 10). Bruno López (1), Pablo López (3), Alejandro Sánchez (1), Alejandro Piñeiro (2), Marcos Fraga, Pablo Moares (2), Álvaro Jorge González, Alberto López (8), Ángel Piñeiro (1), Antón Varela (1), Cesar Filgueiras, Alén Casas, Castor Regueiro (1), Xoán Varela.

BM. Culleredo: 26 (10 + 16).  Antonio Vieiro (p), Cristian Vigo (p), Oscar Bello (p), Alberto Catoira, Martín ínsua, Carlos Costa (1), Miguel Casal (4), Iago Franco (3), Daniel Del Río, Marcos Vázquez (6), Juan De Salvador, Darío Pérez (3), Iago Ferreiro (2), Álvaro Fdez (3), Diego Gago (2), Mario Crecente (2).

Árbitros  : Pablo Torreiro e Raquel Martínez. 

Incidencias:   Xornada sete da 1ª autonómica masculina en categoría senior. Encontro disputado no pavillón A Casqueira de Pontedeume con representación de siareiros de Culleredo nas bancadas.

Fotos do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *