
No día de hoxe, disputábase a segunda xornada do Play-Off polo ascenso a Liga Ouro no grupo 2. O municipal de Pontevedra era o gran marco onde ao BM. Culleredo Construpereiro tocaríalle bailar coa máis fea, o BM. Cisne, un dos candidatos a loitar polo título de campión galego da categoría.
Era moito o que se xogaban os de Culleredo, xa que unha vitoria confirmaríaos como equipo de Liga Ouro e unha derrota por escasa diferenza, tamén lles daría moitas opcións de selo, o perigo, estaba en encaixar unha avultada derrota que dese ao traste co conseguido no día de onte ante o Bueu ATL. Balonmán.
Os mozos do equipo cadete do Construpereiro, saíron concienciados na tarefa que tiñan por diante e, aínda que tardaron en inaugurar o seu marcador, sempre presentaron un espírito competitivo e un traballo encomiable. Non foron poucas as situacións que tiveron que superar ao longo dos sesenta minutos e é que os locais, exhibindo todo o seu potencial atacante, xa gañaban por cinco goles no meridiano do primeiro acto (10-5). Non se deixaría amedrentar o conxunto cullerdense, que gozaba dos seus mellores minutos nun final de primeiro tempo no que conseguían reducir a diferenza ata o catro goles (16-20).
A continuación comezaría cun primeiro parcial de 1-1, nunha toma e daca entre os dous equipos que loitaban sen descanso por lograr os seus obxectivos. A continuación, un novo arreón dos pontevedreses lanzábaos ata os seis goles de diferenza (19-25 e 21-27) e novamente respondería o BM.Culleredo para colocarse a tan só 2 goles. Entrábase nos últimos oito minutos do envite e a tensión podía cortarse co fío dun coitelo. Tres perdas de balón dos visitantes colocaba de novo nunha situación de privilexio ao BM.Cisne, xusto cando o encontro agonizaba, pero aínda quedaría tempo suficiente para que o BM.Culleredo Construpereiro replicase de novo para chegar ao final cun marcador de 29-32 que pode significar, no día de mañá, o ascenso á liga Ouro. Para iso, os cadetes do Culle deben de estar entre os 4 mellores segundos e a día de hoxe parten cunha boa situación cun + 21 no seu haber.
BM. Culleredo Construpereiro: 29 (16+13). Marco González (P), Marcos Regueiro (1), David Martínez (9), Adrián Veira (3), Iván Sánchez (1), Diego Del Río, Aaron Blanco, Antón Pérez, Samuel Seijas (10), Daniel González (1), Josemi Martínez (3), Lucas Sánchez, Alejo Martínez (1), Anxo Negreira, Juanfran Pazos, Antón Pérez
BM.Cisne: 32 (20+12). Mauro Lago (7), Mateo Castro (1), Xoán Fdez (7), Miguel Domínguez, Manuel Lorenzo (6), Martynas Zykas, Adrián Pérez, Breixo Fentanes (2), Pedro Fdez-Couto (2), Adrián Rey (3), Antón Rodríguez, Manuel Hernández, Roi García (2), Hugo Casal (2).
Parciais cada 5´: 0-1 / 3-5 / 5-10 / 9-14 / 13-17 / 16-20 / Descanso / 17-21 / 19-25 / 21-27 / 23-28 / 26-31 / 29-32 / Final.
Colexiado: Leyre Fdez e Cesar Díaz.
Incidencias: Segundo encontro do grupo 2 no Play-Off de ascenso a liga Ouro na categoría cadete masculino, disputado no municipal de Pontevedra.
