
O BM. Culleredo recibía na tarde de hoxe sábado ao Acanor ATL. Novás nun duelo de invictos que deixaría, ao termo do mesmo, un líder en solitario no grupo B da Copa Sponsor. Non deron opcións os locais ao seu rival cun balonmán veloz, dinámico e visualmente atractivo nas diferentes fases do xogo, funcionando desde unha retagarda sen fisuras que a miúdo concluía en rápidos contragolpes, tanto en primeira como en segunda onda.
Con esta tónica, xa no meridiano do primeiro tempo, a diferenza era moi cómoda para os cullerdenses (11-6), que non baixarían o ritmo e conseguirían retirarse aos vestiarios cun amplo resultado (23-10), deixando virtualmente o encontro visto para sentenza.
A segunda parte non tería máis historia que a de ver ao equipo de Culleredo afianzado e convido sobre o seu modelo de xogo, gozando dun día lúcido e aumentando a distancia no electrónico con respecto ao seu rival ata ese 42-18, que deixa ao BM. Culleredo como líder en solitario do seu grupo nesta Copa Sponsor.
BM. Culleredo: 42 (23 + 19). Oscar Bello (p), Cristian Vigo (p), Carlos Costa (1), Miguel Casal (1), Iago Franco (4), Daniel Del Río (6), Marcos Vázquez (3), Daniel De Salvador (2), Juan De Salvador (3), Álvaro Fdez (6), Darío Pérez (2), Adrián Díaz (1), Iago Ferreiro (4), Aresio Rosende (5), Diego Gago (2), Mario Crecente (2).
Acanor ATL. Novás: 18 (10 + 8). Manuel Dorna (3), Carlos Alonso (1), Pablo Alonso (2), Diego Bento, Adrián Carrera (2), Jorge González, Yago Alonso (6), Gabriel Lomba (1), Aitor Rodríguez (1), Rubén López (2), Brais Conde.
Árbitros : Pablo Barreiro e Cristian García.
Incidencias: Terceira xornada da Copa Sponsor no grupo B da categoría senior autonómica. Encontro disputado no municipal de Tarrío con boa entrada.
