
O BM. Culleredo Despreocúpate.es, conseguíu unha ampla vitoria no primeiro partido do Play-Off de ascenso que esta fin de semana se disputa no municipal de Tarrío. Os cullerdenses, comezaron moi ben o envite ante o Seis Do Nadal de Vigo e sobre unha defensa 6:0, establecía as primeiras recuperacións e os primeiros goles en contraataque. No posicional, co traballo de permutas, cruces e a continuidade de balón, atopábanse os espazos libres cara á portería contraria. A superioridade no xogo era evidente e o 4-2 que reflectía o marcador no minuto cinco, parecía a antesala de algo moito máis claro co paso dos minutos. Nada máis lonxe da realidade, o BM. Culleredo iríase diluíndo cos ataques longos dos visitantes, caendo nun ritmo lento e apático, sobre todo na retagarda, que agora permanecía pasiva ante os insistentes 1x1 dos olívicos. O Reca Hollywood Seis Do Nadal, aproveitaba a inexistencia das axudas no seu rival e a falta de pernas nos desprazamentos defensivos. Cun paupérrimo 15-13 ao descanso e unhas sensacións moi deficientes no xogo, o BM.Culleredo avogaba por un cambio radical no segundo acto para reverter a situación e evitar sorpresas.
Foi na continuación cando os locais cambiaron radicalmente a súa cara e en dez minutos, cun parcial de 10-3, sentenciaban virtualmente o encontro (25-16). O BM. Culleredo Despreocúpate.es, dominaba agora o ritmo do partido ao seu antollo e seguiría aumentando a diferenza a través dunha férrea defensa e rápidos contragolpes. As rotacións serían claves para que os xogadores mantivesen o ton físico ata o final e conseguisen eses importantísimos primeiros dous puntos cun gran parcial de 24-9 nesta segunda parte.
BM. Culleredo Despreocúpate.es: 39 (15+24). Marco González (P), Iván Manzo (P), Jorge López (P), Xoel Garrido (4), Martín Ínsua (11), Mateo Kidus De Salvador (2), Guillermo Briones (2), Iago Chao (3), Nicolás Pérez (5), Guillermo Puga (1), Mateo Díaz (3), Gonzalo Palleiro (3), Senén Garea (3), David Martínez (2), Lucas Pazos.
Reca Hollywood Seis Do Nadal: 22 (13+9). Víctor Castro, Loic Míguez (2), Isaac Rodríguez (1), Yoel Méndez (1), Diego Fandiño (3), Samuel Senra (1), Iago Cameán, Fernando Plaza (5), Diego Raposo (4), Juan Manuel López, Xoel Guimeráns (5), Ignacio Gómez, Samuel Gómez, Iago Feijo, Martín Campos.
Parciais cada 5´: 4-2 / 7-5 / 8-10 / 12-10 / 14-11 / 15-13 / Descanso / 20-15 / 25-16 / 28-17 / 32-20 / 35-20 / 39-22 / Final.
Colexiados: Ángel Mateos e Rubén Iglesias.
Incidencias: Primeiro encontro do Play-Off de ascenso a División De Honra disputado no municipal de Tarrío ante un centear de siareiros.
