
Primeira proba para o Bm Culleredo Canosa Abogacía nesta nova tempada 21-22 fronte ao sempre complicado Lalín. Chegaban as nosas rapazas este domingo a Tarrío con ganas xa de competir tras un mes de adestramentos e de poñer por fin en práctica todo o aprendido e traballado.
O partido prevíase intenso, marcado polas defensas e así foi, un partido no que as defensas se impoñían aos ataques. A 5:1 do Coreti Lalín xeraba moitas dudas nas nosas laterais, que xunto á ausencia de desmarques xeraba momentos de moita confusión e forzábanos a cometer erros. Pola contra, a nosa defensa 3:3 cumpriu perfectamente co seu cometido, xerando unha gran cantidade de roubos de balón e forzando perdas no equipo rival. Cando as atacantes eran quen de superar a nosa primeira liña defensiva atopábanse de cheo coa segunda liña, sempre pendente das axudas e contundente nestas accións.
Con este nivel defensivo e roubando balóns teríamos situacións sinxelas de gol na 1ª oleada, malia iso, o rápido repregue das nenas do Lalín cortaba as nosas opcións e unha vez no ataque posicional si estivemos algo máis dubidativas. Co paso dos minutos iríamos carburando e o xogo de ataque sería xa máis fluído, atopando moi boas situacións nos desmarques da primeira liña tras xogar o pase e vai. As rapazas do Lalín non se rendían e seguiron loitando toda a primeira parte, chegando ao descanso con unha curta diferenza de 3 goles.
Tralo descanso amosaríamos o noso mellor nivel nese encontro, con moita movilidade en ataque que poñía en problemas á defensa do Lalín e unha defensa que obrigaba ao Lalín a facer ataques moi longos por falta de opcións.
Nos últimos 10 minutos de partido sen embargo pegaríamos un pequeno baixón, mantendo un bo nivel de xogo, pero fallando múltiples ocasións claras de gol dende os 6 metros que impedían despegarnos no marcador e poder rematalo encontro con máis tranquilidade.
Gran encontro de ambos equipos e desexarlle unha pronta recuperación á xogadora do Coreti Lalín que se lesionaba no quecemento!
Bm Culleredo Canosa Abogacía: 18 (9+9). Aroa (P), Carla (5), Lucía Cortegoso, Alicia, Leire, Paula (4), Lucía Martínez, Alba (1), Aldara, Valentina (5), Uxía, Irene (1), Antía (1), Nadia, Lucía López (1).
Coreti Lalín: 13 (6+7). Carlota, Uxía (1), Vera (2), Lara (2), Adriana (2), Laura, Paula, Daniela (4), Xiana (2), Cristina, Alba.
Parciais: 2-2 / 5-3 / 7-4 / 7-6 / 9-6 / Descanso / 12-7 / 15-9 / 16-10 / 18-12 / 18-13 / Final
Colexiados: Ángel Mateos e Uxía Mariño. Sen problemas.
Incidencias: Encontro correspondente á primeira xornada da Copa infantil feminina do grupo A. Partido desputado en Tarrío con público.
