Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO INDUTEC INGENIEROS REMATA A EXPERIENCIA DO CAMPIONATO DE ESPAÑA

O BM. Culleredo Indutec Ingenieros finalizou onte domingo a enriquecedora experiencia formativa do sector nacional en Alcalá De Henares. O conxunto de Culleredo non puido alzarse coa vitoria ante o Sant Martí Voramar de Cataluña nun último encontro igualado e con dous partes ben diferenciadas, unha a favor de cada equipo.

Comezou moi ben o envite o Indutec Ingenieros, mostrando unha gran solvencia nas dúas áreas, cun 5:1 na retagarda que maniataba a circulación de balón dos cataláns e provocaba moitas dúbidas na súa primeira liña. O contraataque funcionaba á perfección tras a recuperación e no posicional, os cullerdenses estaban a mostrar, con gran clarividencia, os mellores momentos do campionato. Despois de que o Indutec Ingenieros dominase o xogo durante toda a primeira parte, o conxunto de San Adriá de Besós conseguiría a igualada ao termino do primeiros trinta minutos, deixando todo por dilucidar cara á continuación.

O segundo acto foi para o equipo catalán, que entraba mellor no 40x20 e aproveitaba os erros iniciais do seu rival para adiantarse 15-17. As diferenzas irían aumentando en contra dos intereses dos de Culleredo, pero un 4-1 de parcial apertaría o marcador a falta de cinco minutos para a conclusión (24-26). Foi entón cando o BM. Culleredo Indutec Ingenieros tiña a tiro ao seu rival, pero un lanzamento errado desde os 6m que impedíu que se puxeran a un gol e unha posterior exclusión dun xogador rojillo, frearía en seco a remontada e facilitaría o último parcial gañador do equipo catalán cun xogador máis para levar a vitoria no último encontro do campionato.

Os ecos que nos deixa este sector valoraranse co paso dos días, as semanas e mesmo os anos. A experiencia a nivel deportivo, competindo con equipos moi superiores a nivel físico, irán dando aos xogadores as vivencias necesarias para o día de mañá ser mellores no aspecto Tec-Tac e conxugar o colectivo dunha mellor maneira en cada tempada. O éxito de chegar ata aquí e de facelo como subcampión galego foi sobresaiente e máis se cabe o modo de conseguilo. A evolución desde aquel mes de Agosto no que comezaban os adestramentos e rodeados por un contexto de pandemia, é para estar inmensamente agradecidos e dar os máis sinceiros parabéns a este grupo de xogadores. Principalmente e por encima de calquera resultado, o que estes mozos demostraron para seguir adiante co seu esforzo e traballo a pesar da situación, sobrepóndose ás dificultades do COVID, fanos por dereito propio merecedores de ser en si mesmo exemplo de superación para toda a sociedade. Eles foron capaces de ilusionar a todo un club e aos que tivemos a sorte de estar preto deles e fixérono cunha misión en común nun ano en que a ilusión era o máis difícil de atopar. A súa loita ata o último momento é de agradecer e como premio puideron gozar da experiencia dun campionato de España, da convivencia entre eles e con outros compañeiros de distintas autonomías, que obviando o valor deportivo que poida ter, salientaremos o persoal, con aqueles recordos e vivencias persoais que con certeza tanto influirán nos valores destes mozos no día de mañá.

BM.Culleredo Indutec Ingenieros: 26 (13+10). Iván Manzo (p), Javier Ansede (p), Iago Bescansa (4), Xoel Insua, Marcos Regueiro, Lucas Sánchez, Nicolás Vázquez, Shaiel Costa (1), Nuno Loxo (12), Senén Garea (3), Adrián Pestonit, Teo Calvo, Diego Del Río, Juanfran Pazos, Pablo Fariña (2), Samuel Seijas (4).

Sant Martí Voramar A: 31 (14+17). Yanick Palacios (p), Arnau Puigdemont (2), Lucas Iglesias (2), Martí Queralt (4), Pau Marquevich (1), Pol Barnils (1), Axel Povedano, Gerard Soler, Pau Cabanillas (4), Francesc Fuentes (4), Guillem Vila (7), Pol Montes (1), Tomás Marzo (4), Gerad Piquer (1), Víctor Molinero, Pol Esteve.

Parciais cada 5´: 5-2 / 6-5 / 9-7 / 11-10 / 12-13 / 14-14 /Descanso/ 15-17 / 16-20 / 17-23 / 20-25 / 24-26 / 26-31 / Final.

Colexiados: Pedro Víctor Naranjo e Álvaro Palop. Estiveron ben.

Incidencias: 3ª e derradeira xornada do Intersector Nacional (Grupo D) celebrada no pavillón Demetrio Lozano de Alcalá de Henares. Algúns dos pais dos nosos rapaces desprazáronse dende Culleredo para asistir a este evento durante o fin de semana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *