
O BM. Culleredo Indutec Ingenieros non iniciou con bo pé a fase do intersector nacional en Alcalá De Henares. O equipo organizador, o CD. Iplacea, que parten como favoritos neste grupo, impuxéronse a un equipo cullerdense que se foi disipando co paso dos minutos ata caer entregados ante un rival superior.
O encontro comezou intenso pero con erros de ambos os conxuntos. A alta temperatura facíase sentir no pavillón Demetrio Lozano e uníase á tensión dos equipos para dificultar as primeiras transicións. Nos tanteos iniciais o xogo era irregular e a igualdade dominaba no electrónico (3-3 minuto 10). Os anfitrións abrirían pequenas diferenzas que se alternaban entre un e dous goles (8-7 minuto 20) ata conseguir un 4-1 de parcial que lles outorgaría a primeira vantaxe cómoda ao paso polo minuto vinte e cinco (12-8). Foi entón cando saíu a relucir a ansiedade do BM. Culleredo Indutec Ingenieros, que marcada no desexo por liquidar e apertar de novo diferenzas, fixo da precipitación o caldo de cultivo para que o seu rival puidese utilizar o seu mellor arma; a velocidade. A ausencia de xogo colectivo facilitaba moitísimo o labor da retagarda madrileña e as accións individuais perdíanse en lanzamentos erróneos, perdas de balón ou paradas do porteiro rival, que daban saída a rápidos contragolpes. Un novo 4-2 de parcial deixaba o marcador en 16-10 ao descanso e outorgaba ao Iplacea unha vantaxe clara para afrontar o segundos trinta minutos.
A continuación transcorreu sen historia e é que os cullerdenses, feridos no máis profundo do seu ánimo, non serían xa capaces de volver obter a clarividencia necesaria para visualizar con nitidez o plan de partido. Entregados ao seu rival e cun mar de dúbidas en cada acción, o BM. Indutec Ingenieros iríase diluíndo ata quedar a mercé dun CD. Iplacea que liquidaría con amplitude o primeiro envite do campionato.
Os de Culleredo afrontarán mañá ás 16:00h unha nova oportunidade para resarcirse da derrota de hoxe e terá a oportunidade de mellorar as súas prestacións ante o equipo vasco Zaisa Bidasoa Irún que hoxe derrotou aos cataláns do ST. Martí Voramar.
CD. Iplacea: 38 (16+22). Gonzálo López, Fernando González (9), Javier Patón (3), Carlos Sánchez-Nieves (3), Ignacio De Luis (1), Víctor Cartagena (5), Daniel García (1), Gonzalo Pérez, Oscar Moreno (2), Daniel González (4), Mateo Ariño ,Lucas Vázquez (1), Marcos Martín (1), Miguel Gutierrez (3), Miguel Martínez (5), Alejandro López.
BM.Culleredo Indutec Ingenieros: 19 (10+9). Iván (P), Javier Ansede, Iago Bescansa, Xoel Insua, Marcos Regueiro (1), Lucas Sánchez, Nicolás Vázquez (1), Shaiel Costa (1), Nuno Loxo (5), Senén Garea (1), Álvaro Dieguez, Teo Calvo, Diego Del Río (2), Juanfran Pazos, Pablo Fariña (6), Samuel Seijas (2).
Parciais cada 5´: 3-1 / 3-3 / 7-5 / 8-7 / 12-8 / 16-10 /Descanso/ 20-12 / 25-12 / 30-15 / 32-16 / 35-16 / 38-18 / Final.
Colexiados: Carlos e Alberto Vera. Estiveron moi ben.
Incidencias: 1ª xornada do Intersector Nacional (Grupo D) celebrada no pavillón Demetrio Lozano de Alcalá de Henares. Algúns dos pais dos nosos rapaces desprazáronse dende Culleredo para asistir a este evento durante o fin de semana.



