Saltar ao contido

VITORIA AMARGA PARA O INDUTEC INGENIEROS NUN MAL PARTIDO

O Bm. Culleredo Indutec Ingenieros, conseguíu unha nova vitoria que lles mantén no camiño para ser mellor segundo dos tres grupos que hai en competición e por tanto gozar de certas vantaxes nos enfrontamentos de semifinais. Os dous valiosos puntos e o obxectivo cumprido da vitoria, supuxeron a parte positiva dun encontro pobre e sen valor engadido en canto ao xogo, onde os locais se impuxeron por superioridade física e accións individuais illadas.

Non saíu o Indutec Ingenieros coa predisposición idónea para afrontar un encontro de competición e desde o primeiro minuto vía como o Asmubal Meaño, moito máis voluntarioso e cunha mellor actitude, tomaba a dianteira no electrónico en base a estes dous conceptos. Os cullerdenses, que se mostraron moi superiores ao seu rival no partido de ida (25-43), sufrían en Almeiras a falta de intensidade e de concentración que lles levaba a acumular erros de vulto en todas as fases do xogo. Así, os visitantes dominaban o marcador de forma sorprendente pero merecida nos primeiros vinte minutos, onde os baixos algarismos convertíanse noutra rareza para o conxunto de Culleredo (7-8). Algunhas accións individuais antes do tempo de descanso, facían posible que o BM. Culleredo Indutec Ingenieros adquirise unha vantaxe mínima ao termo dos primeiros 30 minutos (12-11).

Sen cambio significativo no segundo acto, o equipo local iría aumentando as diferenzas pola inercia da superioridade que se lles presupón e aínda que con altibaixos e sumando máis erros nas súas accións, imporíanse definitivamente nunha mañá de sábado moi pouco frutífera en canto ao xogo. Con dous valiosos puntos conseguidos e un último partido por disputar a semana que vén en Ribadavia, o BM. Culleredo Indutec Ingenieros vese na obriga de completar unha semana de traballo sobresainte e saír cos dous puntos e mellores sensacións dese enfrontamento ante o Carnes Doribeiro – Ourense Provincia Termal.

BM.Culleredo Indutec Ingenieros: 30 (12+18). Iván Manzo (P), Javier Ansede (p), Iago Bescansa (1), Xoel Insua, Marcos Regueiro (1), Lucas Sánchez (1), Adrián Pestonit, Nicolás Vázquez, Shaiel Costa (4) , Nuno Loxo (9), Álvaro Dieguez, Teo Calvo (1), Diego Del Río (4), Juanfran Pazos (2), Samuel Seijas (4), Pablo Fariña (3).

Asmubal Meaño: 23 (11+12). Isaac Gómez, Miguel Castro, Yeray Méndez (4), Daniel García (5), Xabier Castro, Hector Torres, Adrián Martínez (1), Sergio Gondar (4), David Romay (3), Jorge García (2), Adrián Rey (4), Manuel Hay.

Parciais cada 5´: 2-2 / 3-6 / 6-6 / 7-8 / 9-9 / 12-11 /Descanso/ 15-12 / 19-14 / 22-17 / 25-19 / 28-23 / 30-23 / Final.

Colexiados: Iván Hernández e Renzo M. Díaz.

Incidencias: Penúltima xornada no grupo B da liga Ouro. Encontro disputado no pavillón de Almeiras.

Fotos do partido:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *