Saltar ao contido

O BM. CULLEREDO TÉCNICOS 115 NON PUIDO CO LABER XIRIA

Afrontaba o BM. Culleredo Técnicos 115 un novo derbi e neste caso coincidía cun dos rivais que máis lle pode esixir aos de Culleredo. O ritmo que adoitan imprimir os equipos de Xiria, non parecía precisamente o mellor aliado para un conxunto, o cullerdense, con algúns dos seus efectivos con falta do mesmo por semanas de inactividade, co cal as claves estaban claras: correr só naquelas situacións diáfanas e facelo de forma obrigada pero intelixentemente no repregamento. O ataque debería de ser igualmente paciente, onde as situacións cos pivotes tomasen especial relevancia e o 7x6, unha arma a ter en conta nos momentos máis delicados. A todo isto deberíase de engadir unha alta eficacia cara á portería rival e a ausencia de erros en ataque que propiciasen transicións rápidas dos bergantiñáns.

Non comezou mal o encontro e  os primeiros vinte minutos foron igualados, cun conxunto local dominando o marcador pero cos de Culleredo pacientes e esperando o seu momento (10-8). Boa parte das posibilidades dos Técnicos 115 esfumáronse nos últimos dez minutos deste tempo, encaixando un 6-2 de parcial propiciado por erros claros fronte ao porteiro Mateo e unha perda evidente da disciplina táctica. O 16-10 ao descanso parecía unha laxa moi difícil de levantar contra un equipo como o de Carballo.

A pesar de todo, o conxunto de Culleredo iniciaba o segundo acto de novo nunha liña regular, manténdose mesmo por diante no parcial deste segundo tempo. Como un calco do primeiro e despois de vinte minutos nos que o parcial reflectía un 8-8 (24-18), o BM. Culleredo Técnicos 115 volvería repetir erros claros de lanzamento e decisións negativas relacionadas coa falta de disciplina táctica, especialmente nas situacións de 7x6 que non funcionou en absoluto no día de hoxe. Todo iso foi aproveitado polo Laber Xiria para matar o partido e afrontar os minutos finais de forma plácida.

A derrota non quita mérito algún a un conxunto como o de Culleredo clasificado xa para os cuartos de final e que evidencia un crecemento en canto á súa competitividade. O seguinte paso será conseguir esa regularidade no xogo e eses automatismos dentro do dominio do modelo. Estas experiencias, fronte aos mellores conxuntos galegos que xa manexan con soltura os conceptos tácticos, con certeza que servirán para acurtar os prazos no crecemento do equipo.

Laber Xiria: 29 (16+10). Mateo Pallas (p), Darío Calviño (p), Aaron Rodríguez (1), Esteban Puñal (1), Mario Cancela (10), Pablo Esmorís (1), Daniel Mallo (8), Julián García (3), Andrés García, Diego Antelo, Fernando Mallo (1), Martín Fuentes (2), Alex Puñal (1), Carlos Varela, Adrián Sande, Alberto Rodríguez (1).

BM.Culleredo Técnicos 115: 21 (18+14). Jorge López(p), Oscar Bello (p), Brais Pérez, Martín ínsua (7), Pablo Gómez (1), Daniel Del Río (2), Guille Seijo, Nuno Loxo (6), Senén Garea, Mateo Díaz (1), Adrián Díaz (3), Guille Briones, Mateo Kidus, Iago Chao, Francisco García (1).

Parciais cada 5´: 4-2 / 5-4 / 7-6 / 10-8 / 13-9 / 16-10 /Descanso/ 17-12 / 19-14 / 21-16 / 24-18 / 27-19 / 29-21 / Final.

Colexiados: Pablo Barreiro e Christian García.

Incidencias: Encontro aprazado no seu día correspondente a 3ª xornada da liga Ouro no grupo B da liga xuvenil masculina. O partido disputouse no pavillón Vila De Noia de Carballo con pouca afluencia de público por mor dos protocolos COVID.

Fotos do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *