Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO TÉCNICOS 115 VENCE NUN DERBI CRUCIAL

OAR Ciudad e BM.Culleredo Técnicos 115 disputaron un importante e transcendental derbi na tarde deste Xoves Santo. En xogo non só estaba o seguir sumando puntos para conseguir o pase aos cuartos de final da liga Ouro, senón o feito de facelo na mellor posición posible. Por iso, a vitoria dos cullerdenses outórgalles unha importante vantaxe fronte ao seu rival á espera de disputar a última xornada desta fase.

En liñas xerais non foi un bo partido, amosando ambos os equipos moi pouca fluidez e solucións tácticas, quizá afectados polo parón de tres semanas sen competir. Os altibaixos foron a tónica xeral dos sesenta minutos de encontro, aínda que os de Culleredo colleron a dianteira dende o primeiro instante e non a soltaron en ningún momento. O dominio no marcador era cómodo e tan só aquelas irregularidades das que falabamos mantiñan a incertidume do resultado final. Con tres goles de vantaxe para o BM. Culleredo Técnicos 115 chegábase ao tempo de descanso (15-18), pero quedaba moito por facer e ademáis co hándicap de Adrián fóra de xogo por unha lesión e Mateo Díaz con dúas exclusións……o posto de pivote e central defensivo estaba en serios apretos.

No primeiro cuarto da continuación, o BM. Culleredo Técnicos 115 conseguiría dobrar a diferenza e deste xeito pasaríase a un 21-27 que achandaba moito a recta final. A pesar de que o OAR Ciudad non se daría por vencido, o conxunto de Culleredo non pasaría apuros e dominaría o tempo restante dende a súa retagarda para rubricar unha importante vitoria que lles deixa a senda despexada cara aos cuartos de final.

OAR Ciudad: 27 (15+12). Juan Pereira (3), Diego Infante, Joel Rabade (4), Diego Piñera (9), Adrián Pérez (2), Mateo Martín (2), Miguel Conde (3), Marcelo Gil, Álvaro Deus, Fernando Carreira, Richard De Jesús, Ramón López, Antón Mogín (4), Nicolás Pérez, Efrén Oviaño.

BM.Culleredo Técnicos 115: 32 (18+14). Jorge (p), Oscar (p), Brais Pérez (2), Martín ínsua (10), Pablo Gómez (4), Daniel Del Río (4), Guille Seijo, Nuno Loxo (5), Senén Garea (2), Mateo Díaz (2), Adrián Díaz (1), Guille Briones, Mateo Kidus, Iago Chao, Francisco García (2).

Parciais cada 5´: 2-5 / 5-8 / 8-10 / 9-13 / 12-15 / 15-18 /Descanso/ 18-23 / 20-25 / 21-27 / 24-29 / 25-30 / 27-32 / Final.

Colexiados: Hector Piñeiro ePablo Torreiro.

Incidencias: Encontro aprazado no seu día correspondente a 4ª xornada da liga Ouro no grupo B da liga xuvenil masculina. O partido disputouse no pavillón San Francisco Xabier da Coruña con pouca afluencia de público por mor dos protocolos COVID.

Fotos Do Encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *