Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO RAFERGAL CONSEGUE OS DOUS PUNTOS NUN FINAL DE INFARTO

Nun partido repleto de erros e desacertos, irregular por parte de ambos os conxuntos, alternando momentos lúcidos con faios incomprensibles, o BM. Culleredo Rafergal terminou por levar a vitoria nun final agónico e cando o encontro tocaba ao seu fin, sumando así dous puntos vitais para non perder corda cos postos de cabeza.

No inicio estiveron mellor as xogadoras do Coreti Lalín, ben asentadas na cancha e aproveitando os primeiros erros de pase do seu rival (0-2), pero pronto comezarían os dous equipos a dar unha de cal e outra de area, alternándose no marcador en base ao número de desacertos que acumulaban unhas e outras en determinados momentos. Nesta montaña rusa de alternancias, pero sen grandes alardes nin  diferenzas, chegaría o tempo de descanso con táboas no marcador (8-8) e todo por dilucidar cara á continuación.

Comezaba a segunda parte coa idea en ambos os conxuntos de minimizar os erros e conseguir unha maior regularidade no xogo, pero xamáis chegaría a instaurarse de forma definitiva en ningún dos dous equipos. Coma se dun calco dos primeiros trinta minutos se tratase, a incertidume da vitoria evidenciaba os mesmos altibaixos que se produciran uns minutos antes e con eles, a imposibilidade de vaticinar un vencedor.

Sería entón cando o BM. Culleredo Rafergal conseguiría a vitoria da forma máis inverosímil e insospeitada, fiel reflexo de como transcorrera o partido: con empate a dezanove, balón en posesión das dezanas e tan só trinta segundos por xogar, ninguén podía prever o desenlace final, no cal as de Culleredo conseguirían recuperar un balón e nun pase longo á desesperada, materializar o tanto que lles outorgaba a vitoria xusto cando a chicharra anunciaba o fin do encontro. Dous puntos moi importantes que permiten as cullerdenses seguir ilusionadas cos obxectivos máis altos.

BM.Culleredo Rafergal: 20 (8+12). Diana Dozo (p), Aitana Tasende (1), Adriana Antonio (1), Anheliz A. Alexander (1), Lucía Ponte (1), Paula Valderrabano (8), Candela Puga, Lucía Sánchez (2), Carlota Rodríguez (6), Marta Valderrabano.

Coreti Lalín: 19 (8+11). Carlota Codesido, Aroa Vinseiro, Antía González (4), Mencía Payo (2), Nair Saavedra (1), María Curras (6), Amalia González, Micaela Luján (4), Iria Sierra (1), Nuria López (1), Elianny Indiana, Claudia Mein.

Parciais cada 5´: 1-2 / 3-3 / 3-5 / 6-5 / 7-7 / 8-8 / Descanso / 8-9 / 11-11 / 12-13 / 16-14 / 16-16 / 20-19/ Final.

Colexiados: Pablo Torreiro e Renzo Martín. Sen problemas.

Incidencias: 4ª xornada da liga Prata en categoría xuvenil feminina. O encontro disputouse no pavillón de Almerias, ainda que sen público por mor das restriccións pola pandemia COVID-19.

Fotos do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *