Saltar ao contido

OS CADETES DE CULLEREDO E LUCEROS, OFRECEN UN DUELO VIBRANTE POLO LIDERADO

O BM. Culleredo Indutec Ingenieros e o Pizzería Barato Luceros de Cangas, ofreceron un espectáculo balonmanístico de altos voos no pavillón de Almeiras na tarde de onte Venres. Co liderado en xogo, os dous conxuntos afrontaron o envite cun espírito competitivo sobresainte, dando como resultado unha confrontación vibrante na que se mantería a incertidume do resultado ata o instante final.

O equipo de O Morrazo sairía en tromba nos primeiros minutos, marcando un ritmo endiablado que minimizaba aos de Culleredo, feito que obrigaba ao técnico local víase a solicitar o primeiro tempo morto cando o marcador reflectía un 2-5. Lonxe de dar resultado, na volta ao 40x20 os visitantes seguirían aumentando as diferenzas, establecendo un preocupante 11-18 no minuto vinte. Foi neste momento, co cambio do sistema defensivo 6:0 a 5.1 e a sistemática de ataque de 3:3 a 4:2, cando o BM. Culleredo Indutec Ingenieros comezaría a calibrar, conseguindo un parcial de 7-3 nos últimos dez minutos do primeiro acto e meténdose de cheo no envite cando a chicharra anunciaba o tempo de descanso (18-21).

A reanudación abría un novo escenario e aínda que o Luceros movíase en diferenzas de entre 3 e 4 goles negándose a ceder terreo, os cullerdenses mostraban armas letais no seu ataque mentres buscaban as solucións defensivas que lles achegasen aínda máis ao seu rival. Cubríase o meridiano do segundo acto cando os locais atopaban a chave do encontro e en cinco minutos de accións defensivas positivas e intervencións meritorias en portería, o electrónico reflectía as táboas despois dun 5-2 de parcial (31-31). Restaban dez minutos de incerteza nos que o Indutec poñeríase por diante nun cambio de tendencia máis que evidente, que se reafirmaría cos dous puntos en xogo de non ser porque o poste da portería dos do Morrazo, rexeitaba nos  últimos 25 segundos un lanzamento claro dende os 6m. Cando o tempo xa agonizaba e nunha última acción a contrarreloxo, o Pizzería Barato Luceros conseguiría un 7m que transformaría co tempo cumprido e dáballes unha vitoria nun encontro que puido ter calquer vencedor.

BM.Culleredo Indutec Ingenieros: 36 (18+18). Javier Ansede (p), Iván Manzo (P), Iago Bescansa (4), Xoel Ínsua, Marcos Regueiro (7), Lucas Sánchez (1), Nicolás Vázquez , Shaiel Costa (3), Nuno Loxo (11), Senén Garea (3), Álvaro Dieguez, Teo Calvo (1), Samuel Seijas (6), Diego Del Río, Juanfran Pazos, Pablo Fariña.

Pizzería Barato Luceros: 37 (21+16). Alexandre Gallego (3), Manuel Magdaleno (4), Carlos Menduiña (9), Manuel Soliño (2), Pablo Fdez (5), Mauro Aevedo, Roque Díaz (7), Nicolás Millán, Rodrigo Camaño (6), Adrián Chapela, Isaias Mariño (1).

Parciais cada 5´: 2-5 / 7-11 / 9-15 / 11-18 / 17-20 / 18-21 /Descanso/ 21-25 / 24-28 / 26-29 / 31-31 / 35-34 / 36-37 / Final.

Colexiado: Iván Hernández e Pablo Torreiro. Estiveron ben.

Incidencias: 3ª xornada da liga Ouro (Grupo B) en categoría cadete masculino, disputada no pavillón de Almeiras na tarde do día de San Xosé.

Fotos do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *