Saltar ao contido

PARTIDO VIBRANTE DO BM.CULLEREDO RAFERGAL EN PORRIÑO

O Balonmán Porriño “B” e o BM. Culleredo Rafergal disputaron un encontro vibrante, vistoso e tremendamente igualado o pasado sábado no municipal da localidade pontevedresa. Un encontro entretido que nos deixou as marabillosas instantáneas de @_.ithaisaa._ e que ilustran esta crónica grazas á cesión por parte da fotografa do seu excelente traballo.

Ambos os equipos comezaron excesivamente erráticos, sumando demasiados erros nos seus ataques e mostrando algunhas imprecisións ante a portería rival. A medida que pasaban os minutos, as cullerdenses íanse asentando na pista e boa parte da culpa teríaa o cambio da defensa 6:0 a 5:1. Con este sistema o conxunto visitante comezaría a recuperar numerosos balóns, a provocar dúbidas e erros na primeira liña local e por ende, colocaríase por diante no macador, unha vantaxe que reflectiría o electrónico no tempo de descanso (7-9).

Á  volta de vestiarios, as locais conseguirían un parcial de 5-0 nos primeiros minutos, aproveitando algúns erros defensivos e perdas de balón no ataque das de Culleredo para darlle a volta ao marcador e colocarse con vantaxe (12-9). O técnico visitante víase obrigado a pedir un tempo morto para reverter a situación e volver reaccionar. Non tardaron en facelo as bravas xogadoras do BM. Culleredo Rafergal, reducindo de novo a vantaxe á mínima expresión no meridiano do segundo acto (16-15).

Os últimos quince minutos depararon o belo espectáculo de dous equipos disputando coa máxima entrega un encontro dinámico e vistoso, competindo coa xenerosidade dun esforzo maiúsculo por conseguir un resultado positivo. A igualdade marcaría de novo estes últimos instantes nos que a derradeira parada da porteira do BM. Porriño, xusto no momento no que a chicharra anunciaba o final, daba os dous puntos ao seu equipo e privaba ás de Culleredo de sacar algo positivo despois dun encomiable esforzo de todo o grupo.

Balonmano Porriño “B”: 20 (7+13). Nerea Cano, Paula Cortiñas (2), Nayara Alonso (1), Carmela Fontoira (7), Antía Castiñeira (1), Julia Álvarez (1), Ángela Romero (2), Aitana Fdez (1), Noa Pérez, Elena Pérez (3), Alba Martínez, Aroa Lorenzo (1), Aisha Táboas, Laura Rodríguez, Mairea González, Lucía Castiñeira (1).

BM.Culleredo Rafergal: 19 (9+10). Diana Dozo (p), Carla Bello (1), Marina Rodríguez (2), Aitana Tasende, Adriana Antonio, Anheliz A. Alexander (2), Lucía Ponte, Paula Valderrabano (4), Candela Puga, Adela Areoso (2), Lucía Sánchez (1), Carlota Rodríguez (7), Marta Valderrabano.

Parciais cada 5´: 1-1 / 4-2 / 5-4 / 6-6 / 7-6 / 7-9 / Descanso / 10-9 / 14-12 / 16-15 / 18-16 / 20-18 / 20-19/ Final.

Colexiado: Cesar Carballo e Melanie Verdes. Sen problemas.

Incidencias: 2ª xornada da liga Prata en categoría xuvenil feminina. O encontro disputouse no pavillón municipal do Porriño.

Fotos do partido cedidas por @_.ithaisaa._:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *