Saltar ao contido

O TÉCNICOS 115 SOBREPONSE A UN MAL INICIO E COMEZA A LIGA OURO CON VITORIA

Mal comezaba o encontro que o Técnicos 115 disputaba onte en Tui e é que os cullerdenses encaixaban un 4-1 de parcial nos primeiros minutos que chegaría a ser de 6-2 cando se acendían todas as alarmas. O equipo entraba ao encontro frío, sen ritmo e acumulando numerosas perdas de balón que facilitaban o traballo máis intenso e concreto dos locais.

O técnico visitante víase na obrigación de esgotar o seu primeiro tempo morto para frear a sangría e reorganizar ideas. Entrábase no meridiano cun parcial de 7-3 e partir de aquí, o conxunto de Culleredo comezaría a aumentar as súas prestacións de forma paulatina, ao mesmo tempo que as distancias no electrónico iríanse reducindo. A actividade defensiva en conxunción coa portería comezaba a dar resultados e aparecían os primeiros roubos de balón que daban lugar a outros tantos contragolpes. No posicional, xa se podían observar accións onde o individual daba paso ao aspecto colectivo e todo iso axudaba a ese parcial de 5-9 no últimos quince minutos que deixaba o marcador en táboas ao descanso (12-12). Todo estaba por dilucidar e iso era a mellor noticia para o Técnicos 115.

Un parcial de 0-3 aos cinco minutos do segundo acto daba a primeira vantaxe aos de Culleredo e anunciaba o que ía ser o dominio por parte dos visitantes ao longo do tempo restante. O equipo funcionaría xa sen fisuras e de forma regular, movéndose en diferenzas entre os dous e catro goles e o que é máis importante, levando o peso e o ritmo do encontro para, finalmente, sumar estes dous importantes puntos na primeira xornada da liga Ouro.

Clube BM. Tui: 26 (12+14). Oscar Alonso, Pablo Gándara (7), Anxo Vila, Diego Rodríguez (6), Lucas Ramos, Oscar Gómez, Jorge Domato (8), Lois Estévez, Levin Fdez, Xabier Soliño (1), Anxo Álvarez (1), Hugo Rodríguez, Iago Pereira (3), Miguel Pena, Diego Pérez.

BM.Culleredo Técnicos 115: 28 (12+16). Jorge (p), Oscar (p), Brais (1), Xoel, Martín (4), Pablo (7), Dani (7), Iago Chao (1), Guille Seijo, Nuno (6), Senén, Mateo Díaz (2), Adrián Díaz.

Parciais cada 5´: 1-2 / 3-4 / 6-5 / 7-8 / 10-12 / 13-15 /Descanso/ 15-18 / 18-18 / 21-19 / 24-19 / 26-21 / 26-26 / Final.

Colexiados: Elena Rivas e Carlos Manuel Alonso.

Incidencias: 1ª xornada da Liga Ouro no grupo B da liga xuvenil masculina de balonmano. O encontro disputouse no pavillón municipal Novo Tui ca metade de afluencia de público por mor dos protocolos COVID.

Algúnhas instantaneas do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *