Saltar ao contido

OS BENXAMÍNS ENCHEN DE ILUSIÓN TARRÍO NA SÚA PRIMEIRA ACTIVIDADE DA TEMPADA

Fíxose de rogar, pero por fin  este sábado 19 de Decembro os reis meigos adiantáronse e trouxeron a Culleredo o que tantos nenos e nenas levaban esperando desde hai uns meses; a súa primeira actividade balonmanística.

O evento tivo lugar no pavillón de Tarrío en horario de 10:00 a 11.30, ao que acudiron 35 nenos e nenas das escolas de Vilaboa, o Burgo e Tarrío.

Os/as máis madrugadores/as xa estaban no polideportivo municipal ás 09:20 e as súas caras evidenciaban algo impagable, un entusiasmo e ilusión digno dos mellores momentos. O reloxo sinalaba as 10:00 e o groso de xovenes xogadores/as comezaba a entrar na instalación coas medidas pertinentes do protocolo FisioCovid DXT Galego (toma de temperatura, limpeza de calzado e desinfección de mans con xel hidroalcoholico). A continuación deixaban os seus aveños nos lugares habilitados para tal efecto e comezábanse a repartir as camisetas de xogo…..primeiro instante de emoción para todos/as os/as participantes.

Durante a mañá xogaría o equipo da escola de Vilaboa co de Paxariñas  e o da escola do Burgo co de Tarrío. Os partidos levaron a cabo con catro tempos de oito minutos en campo de minibalonmano, sendo os tempos de cada partido alternativos, é dicir, mentres dous equipos xogaban o primeiro tempo, outros dous seguían con interese as evolucións dos seus compañeiros/as na bancada e cando aqueles finalizaban o primeiro cuarto, saían á palestra os segundos conxuntos e intercambiábanse os roles.

Os catro equipos demostraron posuír un alto nivel de xogo, unha enorme actitude e un grao de paixón encomiable. Puidemos asistir a encontros dinámicos, rápidos, onde a evolución dos nenos e nenas deixa ben claro que a canteira do BM.Culleredo promete. O tempo pasou voando e a xornada finalizou no que parecían ser uns poucos minutos. Finalizabamos a mañá do sábado con ganas de máis e coa promesa de que pronto volveriamos atoparnos para gozar con estes/as xovenes deportistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *