Saltar ao contido

O INDUTEC INGENIEROS DÉIXASE IGUALAR NO ÚLTIMO SUSPIRO

Frouxo partido do Indutec Ingenieros o disputado o pasado sábado fronte ao Telepizza Arteixo. Os cullerdenses non saíron á pista do pavillón de Galán coa predisposición idónea para competir e non puideron cun rival que si mostrou moito máis carácter, intensidade e actitude.

Os visitantes, erráticos e irregulares desde o principio, acumularon sucesivas perdas de balón na transición que terminaron por ser un lastre imposible de resolver. A defensa, excesivamente indolente e carente de contacto, sufría as acometidas dos locais que percutían cun maior ímpeto fronte á portería rival.

Tampouco se xogaba con fluidez no posicional, onde a lentitude na circulación de balón facía moi previsible ao conxunto de Culleredo. Os múltiples erros nos lanzamentos desde o extremo e a escasa intención no lanzamento exterior ante a sistemática 6:0 dos de Arteixo, completaron un panorama difícil de superar polo Indutec Ingenieros, que xa ao descanso impúñase pola mínima (13-14).

Unha maior intensidade e profundidade defensiva facía posible o despegamento dos cullerdenses no inicio do segundo acto, conseguindo unha cómoda diferenza no meridiano deste tempo e cun 7m a favor para ampliar a mesma (16-21). Eran os mellores minutos dun conxunto, o rojillo, que apoiándose nunha defensa proactiva e a velocidade ao contragolpe, parecía romper definitivamente o envite. Nada máis lonxe da realidade, os mesmos erros e as mesmas carencias, volvían facer acto de presenza nos últimos instantes do encontro e nos últimos cinco segundos, cando o partido xa agonizaba, o Telepizza Arteixo conseguía o premio ao seu maior empeño e poñía as táboas no marcador cando a chicharra sinalaba que aquilo chegara ao seu fin.

Telepizza BM.Arteixo: 24 (13+11). Marcos Abeleira (2), Alejandro Aller (2), Iván Sousa (3), Marcos Vázquez, David García, Hugo Montero (4), Daniel González (4), Elmer Martínez (3), Víctor González (3), Alejandro López, Adrián Novio (3).

BM.Culleredo Indutec Ingenieros: 24 (14+10). Iván Manzo (p), Javier Ansede (p), Iago Bescansa (2), Xoel ínsua, Marcos Regueiro (1), Adrián Pestonit, Nicolás Vázquez (1), Shaiel Costa, Lucas Sánchez (1), Álvaro Diéguez (1), Pablo Fariña (5), Senén Garea (8), Diego Del Río (5), Juanfran Pazos.

Parciais cada 5´: 2-3 / 4-7 / 5-8 / 9-9 / 12-13 / 13-14 /Descanso/ 15-17 / 16-19 / 17-21 / 20-22 / 23-24 / 24-24 / Final.

Colexiados: Hector Piñeiro e Marcos Pombal. Sen complicacións.

Incidencias: Encontro correspondente a xornada nº3 da primeira fase no grupo 9 da liga cadete masculina. O encontro disputouse no pavillón de Galán (Arteixo) sen público, debido as restriccións pola pandemia COVID-19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *