Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO TÉCNICOS 115 LIQUIDA A SÚA PRIMEIRA FINAL CUNHA AMPLA RENDA

O BM. Culleredo Técnicos 115, recibía no pavillón de Almeiras ao equipo Recambios Infra de Lugo. Os cullerdenses afrontaban a súa primeira final das tres que quedaban para poder ocupar a segunda praza da clasificación, en disputa co OAR da Coruña.

Neste contexto, ata o golaverage podería ser importante e o conxunto local debía de saír con intensidade e concentración desde os primeiros minutos. Con este razoamento, dispúxose unha defensa avanzada que dese lugar á recuperación de balóns para poder xogar cunha alta velocidade, pero o equipo saíu ao 40x20 do parquet de Almeiras moi indolente, sen a predisposición adecuada para enfrontarse a tal tarefa. Foron quince minutos iniciais dun cúmulo de despropósitos que partían dunha retagarda excesivamente branda e terminaban pola suma de múltiples erros no pase e na toma de decisións (8-6). O 4-0 de parcial que se conseguía entre o minuto quince e vinte despexaba un pouco o panorama e parecía que o grupo comezaba a entoarse algo máis (12-6). Sen demasiados alardes balonmanísticos, pero cunha actitude un tanto mellor nunha sistemática defensiva que tornaba a 6:0, o equipo cumpría ao termo do primeiros trinta minutos (18-10), aínda que lonxe dos dezasete goles que o OAR adquirira de vantaxe ante o mesmo equipo.

Comezaba o segundo acto e o BM.Culleredo Técnicos 115 seguiría aumentando as prestacións, crecendo co paso dos minutos e conseguindo que ata o corenta e cinco os visitantes non visen portería. A vitoria e os dous puntos estaban agora no peto, pero faltaba por referendar e superar o golaverage que o OAR Conseguira fronte ao mesmo rival. Nos últimos dez minutos do encontro conseguiríase o obxectivo e cun 8-3 de parcial pasaríase dun 29-14 ao definitivo 37-17 que daba a primeira batalla ao conxunto de Culleredo.

A fin de semana que vén, o BM.Culleredo Técnicos 115 terá a súa segunda final, esta vez en Lugo e contra o mesmo equipo, pero con certeza nun contexto diferente que se terá que afrontar cun maior espírito competitivo ante o Recambios Infra como local.

BM.Culleredo Técnicos 115: 37 (18+19). Jorge López (P), Oscar Bello (p), Brais Pérez, Xoel Garrido, Martín Ínsua (10), Pablo Gómez (6), Guillermo Briones (1), Daniel Del Río (5), Iago Chao (6), Mateo Díaz (4), Manuel Gómez (2), Guillermo Puga, Mateo Kidus (1), Guillermo Seijo (2).

Recambios Infra: 17 (10+7). Miguel Angel Prado (p), Jorge Atanes (3), Daniel Suárez (5), David Yañez, Nicolás Núñez (6), Unai López (1), Enrique Rodríguez (2), Sergio Fdez.

Parciais cada 5´: 2-3 / 8-5 / 8-6 / 12-6 / 15-9 / 18-10 /Descanso/ 21-11 / 23-11 / 27-11 / 29-14 / 33-16 / 37-17 / Final.

Colexiados: Christian García e Rubén Iglesias. Sen complicacións.

Incidencias: Partido correspondente a 3ª xornada do grupo 6 da liga xuvenil masculina, disputado polo BM.Culleredo Indutec Ingenieros e o Recambios Infra de Lugo no pavillón de Almeiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *