
Día un de competición regular no que o Sutenor visitaba Redondela para enfrontarse a un dos favoritos ao título ligueiro. Un equipo que leva moitos anos instalado nos postos altos das clasificacións, cunha regularidade exemplar tanto dentro como fóra da pista.
As nosas comezaron o encontro sen poñer en valor todo o traballo realizado nos anos anteriores, nin tampouco o esforzo diario que require competir nesta categoría.
As continuas perdas de balón, especialmente cando o marcador xa era desfavorable, evidenciaban unha preocupante falta de concentración e de saber estar no encontro. Cando as cousas van mal, hai que coidar moito máis os pequenos detalles, e o primeiro que se debe coidar é o balón.
Ante unha presión alta, a solución segue sendo a mesma que se aprende desde as categorías benxamín e alevín: o xogo sen balón, a ocupación dos espazos libres e a capacidade de ofrecer liñas de pase para conservar a posesión ou xerar situacións de vantaxe de cara á portería contraria, que é o obxectivo principal do xogo ofensivo.
As cullerdenses, moi afastadas da portería rival e sen capacidade de reacción, non conseguían anticiparse ás accións do equipo local. Esta situación provocaba continuos contraataques que permitían á SAR aumentar progresivamente a diferenza no marcador.
Uns contraataques que apenas atopaban oposición, incumprindo un dos principios máis básicos do balonmán: o repregamento defensivo tras a perda de balón, coa finalidade de recuperar a posesión ou, cando menos, dificultar ao máximo a acción ofensiva rival.
Durante todo o encontro, o plan de partido preparado ao longo da semana non se viu reflectido en ningún momento sobre a pista. A presión sobre o contraataque local, un recurso que en anos anteriores ofrecera excelentes resultados ante este mesmo rival, estivo completamente ausente. Mesmo tendo a chave na man para intentar cambiar a dinámica do encontro, o equipo foi incapaz de activar unha das solucións traballadas e previstas no plan de partido.
A desorganización defensiva, agravada pola ampla diferenza no marcador, comezaba a facer efecto no Sutenor. Pero, lonxe de conxurarse colectivamente para afrontar as dificultades, o equipo desfigurábase individualmente, perdendo por completo a súa identidade de xogo.
Na segunda metade, tras insistir nas solucións tácticas, recordar o plan de partido traballado durante toda a semana e recuperar referencias de encontros anteriores ante este mesmo rival, o equipo continuou mostrando unha preocupante falta de actitude, intensidade e capacidade de reacción.
As nosas limitábanse a observar como o rival tomaba sempre a iniciativa, anticipándose en cada acción e impoñendo a súa vontade en todas as facetas do xogo.
Un equipo sen alma, sen carácter e sen orgullo competitivo, que contemplaba impasible como o seu rival o superaba unha e outra vez, sen mostrar o máis mínimo atisbo de rebeldía.
A desidia apoderouse dun equipo que parecía ter renunciado a competir moito antes do asubío final. E o máis preocupante non foi a superioridade do rival nin a diferenza no marcador, senón a absoluta pasividade e a falta de amor propio para intentar cambiar o rumbo do encontro.
Evidentemente, estes non son os valores que se levan transmitindo no clube . E moito menos os valores que se veñen inculcando nas últimas xeracións de xogadoras, independentemente dos resultados deportivos acadados.
Porque este mesmo club e estas mesmas xeracións e outras de xa fai anos souberon competir sendo terceiras de Galicia, pero tamén cando ocuparon os penúltimos postos da clasificación, como xa aconteceu en tempadas anteriores.
Non todo se reduce a unha posición na clasificación. Hai moitas outras cousas que se deben aprender, traballar e demostrar sobre a pista: o compromiso, a responsabilidade, o esforzo colectivo, o respecto polo traballo diario e, por riba de todo, o orgullo de competir e de defender o escudo que se leva no peito.
Porque perder forma parte do deporte, pero renunciar a competir nunca debería formar parte da identidade deste equipo.
Resultado final : S.A.R Redondela 49 – Bm Culleredo Sutenor 21
S.A.R Redondela: Karla Fernández, Aitana Crespo, Emma Troncoso, Helena López, Martina Dacosta, Daniela Figueroa, Daniela Miguez, Zoe Bouzón, Lia Barral , Alma Otero, Carmen Barreiro, Carlota Camino
Bm Culleredo Sutenor : Helena Portas, Aldara Allegue, Aroa Martinez , África Gómez, Aroa Bestilleiros, Aitana Gestal ,Candela Tizón ,Carmen García, Emilia de Castro , Noa Otón , Sofía Orge , Sara Vllar , Uxía Seoane, Yasmin Gabarri.
Árbitros: David Fernández y Brais Ledo
Incidencias: Primeira xornada da liga regular cadete feminina , disputado no polideportivo A Bombonera.
